Licitada a construción do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia
Levantarase cun investimento de máis de 12 M€, nun solar da Xunta de máis de 9.100 metros cadrados e cunha superficie construída superior a 2.400 metros cadrados
A licitación, á que poden concorrer empresas ata o 9 de decembro, inclúe a redacción do proxecto básico e de execución e a construción do novo edificio
Trátase do primeiro investimento dos catro que se levarán a cabo ata os 56 M€ para posicionar este centro como referente a nivel nacional e internacional
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) publicou hoxe a licitación da redacción do proxecto básico e de execución e a construción dun novo edificio. Trátase dunha obra que terá un investimento de máis de 12 M€ e que albergará novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas. Este é o primeiro dos catro investimentos que o Goberno galego levará a cabo para posicionar a comunidade como referente a nivel nacional e internacional no eido da computación cuántica e que suman un total de 56 M€.
Concretamente, o edificio construirase nunha parcela de propiedade da Xunta no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, que estará a disposición de toda a comunidade científica e das empresas. O centro, que estará listo en xuño de 2026, suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico do Cesga, o que permitirá avanzar máis rapidamente na xeración de coñecemento e na innovación. A licitación sae por 10,9 M€, orzamento ao que se sumarán outros conceptos que elevarán o investimento do edificio a máis de 12 M€. O prazo de presentación de solicitudes de participación pecha o 9 de decembro.
Este investimento forma parte do maior orzamento realizado neste centro ao longo da súa historia, co obxectivo de que sexa un referente a nivel nacional e internacional. Realizarase con fondos europeos e con fondos do Goberno galego tras lograr captar 47,4 M€ procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do PERTE Chip. De feito, Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. É dicir, que Galicia capta o 75 % dos fondos repartidos en toda España.
Para poder levar a cabo todas as actuacións do proxecto, a Xunta de Galicia incrementa o orzamento nun 20 %, posibilitando o impulso do Cesga no seu liderado internacional.
O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída superior a 2.400 metros cadrados, máis unha área exterior anexa superior a 1.200 metros cadrados para equipos de servizo, que cumpre con todos os requirimentos imprescindibles para o seu funcionamento. Pola natureza singular do proxecto, e de cara a unha futura ampliación e adaptación á súa evolución, é necesario realizar un deseño integrado que aliñe todos os aspectos interrelacionados entre si. Deste xeito, a disposición da nova sede terá en conta os sistemas construtivos e as instalacións, pero tamén aspectos de planificación do espazo, a funcionalidade de cada subsistema, e a seguridade das persoas e equipamentos, entre outras características.
Respecto ao aspecto máis arquitectónico, e no que atinxe á estética do novo edificio, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca convertelo nun referente non só en canto á súa funcionalidade, senón tamén a nivel estético, sen esquecer no proceso aspectos tan importantes coma os ambientais e de eficiencia enerxética.
Ampliación das capacidades do Cesga
O obxectivo deste investimento é reforzar o Cesga, dependente da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), como un centro de referencia no ámbito nacional e europeo, que estea á vangarda en infraestruturas de computación, así como no coñecemento sobre tales infraestruturas. Para iso, ademais da nova sede, están previstas unha serie de actuacións para mellorar a calidade dos servizos ofrecidos á comunidade científica e tecnolóxica coa dotación de novas infraestruturas.
O Cesga contará cun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia computacional adicional cubrindo necesidades de intelixencia artificial, entre outras, e ao que se destinarán 18,6 M€. Tamén se ampliará a capacidade de almacenamento do centro mediante unha nova infraestrutura que permitirá almacenar gran cantidade de datos de modo permanente e presentar servizos de datos avanzados, á que se destinarán 7,8 M€. Completarase a oferta actual do Cesga en computación cuántica con novas capacidades que impulsen o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e favoreza o seu liderado internacional, que contará cun investimento de 18 M€.
As novas infraestruturas serán localizadas no novo edificio do polígono da Sionlla, que será complementario ao centro de procesamento de datos actual do Cesga situado no campus universitario.