A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e Sanxenxo, que suporá un investimento de 465.000 €
A previsión é licitar as obras e convocar as expropiacións no primeiro trimestre do vindeiro ano, para executar os traballos ao longo do 2025
Trátase de resolver os problemas detectados na interconexión entre as redes de pluviais e fecais destas dúas vías autonómicas nos estudos do Plan de Saneamento local na ría de Arousa
O proxecto inclúe a continuidade do itinerario peonil na marxe esquerda da PO-504 en Sanxenxo, completando as accións xa executadas de mellora da seguridade viaria
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo da aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar as obras de mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e en Sanxenxo, que suporán un investimento que roldará os 465.000 euros
Este proxecto, coordinado entre as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas, respectivamente, terá consecuencias positivas tanto para estas dúas vías autonómicas como para a calidade das augas da ría de Arousa, trátase de resolver os problemas identificados nestas estradas pola entidade hidráulica da Xunta, no marco dos estudos do Plan de saneamento local nesta ría.
Deste xeito, desenvolveranse as obras precisas para que a rede de drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 funcione de xeito independente da rede de saneamento na súa zona de proximidade á ría de Arousa. En concreto, identificáronse 10 puntos problemáticos, dous na PO-504 no seu tramo máis próximo á PO-550, e os outros 8 na propia PO-550.
Ademais, este proxecto, aprobado no Consello da Xunta este pasado 11 de novembro, tamén se dará continuidade ás distintas intervencións realizadas o pasado ano de mellora da seguridade viaria e peonil da PO-504, vía de 4,46 km que vertebra de norte a sur o concello de Sanxenxo, ás que se destinaron un investimento de máis de 1 M€.
Neste caso, trátase de completar a mellora da accesibilidade peonil no itinerario desta vía autonómica, que ten unha interrupción, entre os puntos quilométricos 4+260 e 4+340. Deste xeito, neste treito proponse a execución de beirarrúa na marxe esquerda da estrada permitindo a conexión entre o tramo anterior e posterior da mesma vía e mellorar a seguridade peonil.
A Xunta ten como obxectivo licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre de 2025, para poder iniciar os traballos ao longo do vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.
A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos dous predios necesarios para executar esta intervención, pertencentes ao concello de Sanxenxo. A superficie de expropiación é de 323,80 m2.