A delegada da Xunta en Ferrol clausura o obradoiro dual ‘Ártabro Emprende IV’ que formou a 20 alumnos en xardinería e xestión forestal
Martina Aneiros participou na entrega de diplomas do obradoiro promovido conxuntamente polos concellos de Miño, Pontedeume e Cabanas
Para o curso 2024-2025, o Goberno galego inviste 1,3 M€ na financiación doutros catro obradoiros duais de emprego na zona dos que se beneficiarán 65 persoas
Miño (A Coruña), 22 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Miño, Manuel Vázquez; Cabanas, Fernando Couce, e Pontedeume, Bernardo Fernández, clausurou esta mañá o obradoiro dual de emprego Ártabro Emprende IV promovido polos concellos de Miño, Pontedeume e Cabanas grazas a unha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 546.546 euros.
Durante o acto, Aneiros entregou os diplomas acreditativos aos 20 alumnos participantes nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que complementaron a súa formación teórica con actuacións de mellora en diferentes espazos públicos como os paseos marítimos de Ponteume ou o da praia da Magdalena (Cabanas), camiños, fontes e lavadoiros, parques municipais e áreas recreativas ou de descanso.
Na súa intervención a delegada territorial puxo en valor este tipo de accións formativas que “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes, facilitando a súa inserción no mercado laboral a través da combinación da formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses”.
Aneiros tamén destacou a importancia da colaboración entre administracións, neste caso Concellos, como a vía máis fácil para “optar a axudas e programas autonómicos que repercutan positivamente nos seus veciños” e puxo unha vez máis de manifesto o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na zona a través deste tipo de accións formativas orientadas a cubrir as demandas reais do entorno.
Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas en situación de desemprego con dificultades para acceder ao mercado laboral, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta coas entidades locais. Para o curso 2024-2025 a Xunta inviste 1,3 M€ na financiación doutros catro obradoiros duais de emprego na zona dos que se beneficiarán 65 persoas.