A Xunta entrega os diplomas ao alumnado do obradoiro de emprego dual ‘ArquivaLugo’
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego financia con 982.000 euros este taller e un novo que comezará este ano e que brindará oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas
Lugo, 22 de novembro de 2024
A Xunta entregou hoxe os diplomas ao alumnado que completou con éxito o obradoiro de emprego dual ArquivaLugo, promovido polo Concello de Lugo co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O acto contou coa participación do delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, quen apuntou que o Goberno galego inviste 982.000 euros neste taller e noutro que comezará proximamente neste mesmo municipio. Cada un deles brinda oportunidades laborais a 20 persoas desempregadas.
Arias destacou que estes programas combinan formación teórica e práctica en sectores con alta demanda de profesionais, “polo que as persoas participantes melloran as súas posibilidades de optar a un emprego de calidade”.
O obradoiro de emprego que finaliza impartiu as especialidades de gravación e tratamento de datos e documentos, confección de páxinas web e deseño de produtos gráficos.
As actuacións proxectadas para desenvolver durante o ano de duración da actividade centráronse na dixitalización de documentos municipais - actas consistoriais da segunda metade dos séculos XVIII e XIX e expedientes de licenzas de obras do período comprendido entre 1951 e 1955 -; a elaboración dunha páxina web e o deseño de material sobre o Arquivo Municipal, como un tríptico informativo e un calendario de mesa.
No que respecta ao próximo taller, Salus Lugo, será financiado pola Xunta con cargo á convocatoria de axudas de 2024. Comezará este ano e ofrecerá formación nas áreas de atención sociosanitaria a persoas dependentes e intervención socioeducativa orientada ás persoas con discapacidade.