Xosé Merelles aposta por potenciar eventos como Castes como factor desestacionalizador do turismo

O director de Turismo de Galicia participou na gala de entrega dos premios ‘Castes do Viño’, enmarcados na cita vitivinícola que se desenvolve esta fin de semana en Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de novembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o carácter desestacionalizador de Castes, Feira Independente do Viño que cunha previsión de asistencia nesta edición superior ás 1.500 persoas favorece o fluxo de visitantes na Ría de Arousa este mes de novembro.

Durante a súa intervención, no decurso da gala na que se fixeron entrega dos premios Castes do Viño que se celebrou esta tarde en Vilagarcía de Arousa, Xosé Merelles destacou a importancia da cultura vitivinícola desta zona e de Galicia en xeral, capaz da atraer cada vez máis visitantes ao redor do proceso de elaboración do viño.

Precisamente, a Xunta coñecedora do atractivo que supón a gastronomía e o enoturismo, está a desenvolver o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia, no que inviste 34,5 millóns de euros de fondos Next Generation destinados fundamentalmente a dinamizar o tecido socioeconómico do territorio, poñendo en valor as zonas vitivinícolas, mellorando a súa comercialización e promovendo novos produtos turísticos cuxo eixo sexa a enogastronomía de Galicia.

Castes, Feira Independente do Viño estase a desenvolver ata este domingo en Vilagarcía cunha participación de máis de 100 adegas de España, Portugal, Francia e Italia. A programación desta cita é diversa con propostas formativas na Aula Castes; musicais con Castes The Musical; de encontro como Castes Late Wine `The Show’ e o VI Campionato de cata que terá lugar este domingo.

Data de actualización: 23/11/2024