A Xunta participa en Pontevedra na entrega de premios da segunda quenda da campaña ‘Merca no teu comercio’
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, pon en valor esta iniciativa desenvolvida en colaboración coa Federación Galega de Comercio na que participan 1.200 comercios en toda a provincia
Pontevedra, 23 de novembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participaron esta tarde na entrega de premios da segunda edición da campaña Merca no teu comercio correspondente á provincia de Pontevedra, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular as vendas e atraer novos clientes ao comercio local.
Durante o acto procedeuse á entrega dos 50 bonos QR de 200 euros cada un sorteados ante notario entre todos os tíckets correspondentes a compras efectuadas entre o 25 de outubro e o 13 de novembro nos máis de 1.200 comercios adheridos da provincia de Pontevedra. Ademais, sorteouse de xeito presencial un premio especial de 1.000 euros. Este galardón deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo, tal e como establecen as condicións de participación.
Estes premios súmanse aos xa entregados na primeira edición da campaña, que se desenvolveu entre o 20 de setembro e o 9 de outubro, e na que tamén se outorgaron 11.000 euros para mercar nas tendas, entre os bonos e o premio final.
A iniciativa Merca no teu comercio, que tamén se está celebrando no resto de provincias galegas, enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector.