A Xunta renova o seu apoio ao Mercado Medieval de Mondoñedo, que celebra a súa 34ª edición do 7 ao 9 de agosto
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destaca o papel deste festexo como reclamo turístico do verán no municipio
Mondoñedo (Lugo), 21 de xullo de 2026
A Xunta renova un ano máis a súa colaboración co Mercado Medieval de Mondoñedo, que celebra a súa 34ª edición do venres 7 ao domingo 9 de agosto.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Está organizada pola Asociación Amigos do Mercado Medieval e o Concello.
Villares destacou o papel deste festexo como reclamo turístico do verán no municipio, atraendo a miles de persoas ao casco histórico da localidade durante toda a fin de semana para desfrutar das actividades de recreación histórica e do ambiente festivo.
Tamén puxo en valor o especial protagonismo da artesanía, con postos de venda e demostracións de oficios como fiandería, palillería, ouriveiría ou coiro. Ademais, a praza da Catedral acollerá exposicións e exhibicións de cerámica, serigrafía, la e monicreques a cargo de artesáns do barrio mindoniense dos Muíños.
Igualmente, nos postos instalados nas rúas ofreceranse produtos agroalimentarios de proximidade.
O programa conta con numerosos atractivos, como representacións históricas e desfiles a cargo de diferentes asociacións; música en directo; exhibicións de cetrería e propostas pensadas para os máis pequenos, que poderán desfrutar do campamento medieval infantil, xogos, contacontos ou monicreques.