A Xunta concede axudas por valor de máis de 57.500 euros aos concellos de Cedeira e Ares para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá as actuacións de mellora levadas a cabo nos lavadoiros da Penela e do Peneiro para as que o Concello de Cedeira recibiu unha achega de 20.000 euros
Cedeira (A Coruña), 28 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia subvenciona con 57.523 euros varias actuacións de corrección de impactos paisaxísticos nos concellos de Cedeira e de Ares. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, comprobou esta mañá os traballos levados a cabo en dous lavadoiros do municipio para os que recibiron unha achega da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de 20.000 euros.
Os traballos consistiron na roza do perímetro de ambas infraestruturas, cubrición das placas de fibrocemento con tella do país, substitución de caños de saída de auga, pavimentación do recinto e chapado de pedra da zona de paramentos verticais, entre outros.
A delegada territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de apoiar aos concellos neste tipo de actuacións de conservación e avanzou que, con este fin, o próximo 2025 o Goberno galego habilitará dous millóns de euros para continuar apoiando o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e da protección da paisaxe en toda a comunidade autónoma -un millón para actuacións de Concellos e outro para melloras de particulares-.
Aneiros lembrou que no caso dos apoios a Concellos, están dirixidos aos de menos de 20.000 habitantes e contan con dúas liñas de axudas. Na primeira serán subvencionables as obras de renovación e finalización exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramentos de inmobles municipais, e na segunda as de mellora do aspecto de conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música, hórreos e outro tipo de equipamentos públicos.
No que respecta ás axudas a particulares, que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable, estas poderán destinarse a actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche. A convocatoria deste ano introduciu como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos ben nos que se pretende intervir.
Na convocatoria deste ano se aprobaron axudas a un total de 346 particulares e 50 concellos, 11 deles na provincia da Coruña. Desde a posta en marcha da iniciativa no ano 2021 a Xunta de Galicia apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e 2.100 familias na execución de actuacións para a mellora da imaxe exterior dos seus inmobles.