Lete asegura que Patricia Suárez estará nos Xogos de Los Ángeles 2028 na presentación do seu terceiro ciclo olímpico da man do adestrador Antón Paz
O secretario xeral para o Deporte lembra que a Xunta seguirá apoiando a carreira de Patricia Suárez como fixo en 2019 cando lle cedeu un 49er FX para a súa preparación olímpica
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de novembro de 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do novo ciclo olímpico da regatista viguesa de 49er FX, Patricia Suárez, de cara aos Xogos de Los Ángeles 2028 que estará dirixido polo adestrador e medalla de ouro en Pequín 2008, Antón Paz. Alí, o mandatario galego destacou a “calidade e experiencia” de Patricia Suárez neste seu terceiro ciclo olímpico consecutivo e amosou o seu convencemento de que a deportista galega “estará nos vindeiros Xogos Olímpicos”.
Lete Lasa apuntou cara a varias razóns que achegan a Patricia a Los Ángeles, ademais da súa traxectoria, como a importancia da súa compañeira, a balear Melania Henke, que superou un duro proceso de selección; así como o seu adestrador, Antón Paz, campión olímpico e que xa estivo aos mandos da súa preparación en 2021. Neste sentido, o secretario xeral lembrou algúns dos fitos de Patricia na súa carreira que a definen como unha das mellores bazas para a vela española: a clasificación do barco español para os Xogos de Tokyo no Mundial de Nova Zelanda de 2019, o quinto posto no Mundial de Omán de 2021 ou o sexto no Mundial de Canadá de 2022.
Do mesmo xeito, o responsable do Deporte galego lembrou que a Xunta seguirá apoiando a carreira de Patricia Suárez como fixo no ano 2019 cando lle cedeu un 49er FX para os seus adestramentos. O investimento en embarcacións para os regatistas galegos é unha acción que a Xunta repite cos seus mellores deportistas como sucedeu antes dos Xogos de Londres coa adquisición de dous Elliot 6 metros cos que Támara Echegoyen e Sofia Toro puideron preparar a conquista da súa medalla de ouro. Ademais, o propio Antón Paz, Nico Rodríguez, Iago López Marra ou Tomás Vieito víronse beneficiados con embarcacións sufragadas pola Xunta e coas que puideron adestrar para lograr os seus importantes resultados internacionais como a medalla de bronce de Nico no 470 de Tokyo.
Lete Lasa destacou asemade a importancia do Centro Galego de Vela, incorporado á órbita do Centro Galego de Tecnificación Deportiva em 2010, no que preto dun centenar de regatistas adestran cada día e no que Patricia deu os seus primeiros pasos nun 470 em 2015, un ano antes de mudar ao 49er FX.