A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA), en Monza (Italia)
Lorenzana reclama a Europa a posta en marcha de sete medidas urxentes para garantir a viabilidade da industria da automoción europea e os empregos
Aposta pola desburocratización para simplificar “ao máximo” a xestión dos apoios, e por focalizalos en investimentos
Reclama fondos comunitarios específicos: “Europa debe poñer en marcha fondos específicos suficientes para apoiar a transición tecnolóxica e enerxética do sector para que teña unha transición xusta”
Pide unha modificación das normas de axudas: “É urxente cambiar a normativa comunitaria que limita as axudas ás grandes empresas e permitir que estas se convertan en motores de transformación para todo o ecosistema industrial e, polo tanto, para toda a cadea de valor”
Defende que se establezan apoios a nivel regulamentario e económico para fomentar que o aproveitamento dos recursos naturais repercuta na redución dos custos enerxéticos do sector
Monza (Italia), 29 de novembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA) sete medidas que a Xunta de Galicia considera urxente adoptar para garantir a viabilidade do sector en Europa e os empregos.
Lorenzana interveu hoxe na terceira edición deste foro europeo, un encontro de alto nivel onde se asinou a “Declaración de Monza”, e que reuniu en Italia 36 rexións europeas (seis delas españolas -Galicia, Aragón, Cataluña, Navarra -que este ano ostentou a presidencia-, Andalucía e Valencia-), ademais de membros da Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións, xunto con empresas privadas e outros axentes do sector.
Como primeira medida, a conselleira sinalou a necesidade de flexibilizar as normativas: “Precisamos prazos máis amplos e razoables para que o sector poida adaptarse sen perder viabilidade”, dixo.
En segundo lugar, pediu unha revisión de sancións ao considerar “imprescindible” reconsiderar as sancións impostas ás empresas, sobre todo, as derivadas de períodos estritos que non reflicten a complexidade real do cambio, argumentou.
Tamén reclamou fondos comunitarios específicos: “Europa debe poñer en marcha fondos específicos suficientes para apoiar a transición tecnolóxica e enerxética do sector para que teña unha transición xusta”.
Como cuarta medida, destacou a importancia de “fomentar o aproveitamento dos recursos naturais das rexións para repercutir na redución dos custos enerxéticos da industria da automoción”.
En quinto lugar, solicitou a modificación das normas de axudas: “É urxente cambiar a normativa comunitaria que limita as axudas ás grandes empresas e permitir que estas se convertan en motores de transformación para todo o ecosistema industrial e, polo tanto, para toda a cadea de valor”, abondou.
A sexta medida que citou é a desburocratización: “Na Xunta de Galicia somos firmes defensores dunha simplificación ao máximo na xestión. Temos que axudar ás empresas e non estorbar. Temos que simplificar as axudas. Esta é a nosa máxima”.
E en sétimo lugar, demandou a focalización dos apoios nos investimentos: “A clave está en axudar ás compañías a investir para readaptar as súas liñas de produción debido, por exemplo, á electrificación”, dixo.
Lorenzana asistiu a esta conferencia acompañada do secretario xeral de Industria e desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e do director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Norberto Penedo.
Galicia é a primeira comunidade autónoma en activar unha liña de axudas extraordinaria para o sector. De feito, a Xunta aprobará nas vindeiras semanas o Plan Director da automoción; unha folla de ruta 2025-2027 que, considerando as actuacións xa postas en marcha en 2024, contempla apoios por máis de 230 millóns de euros, incluído un programa de axudas extra con 72 millóns de euros. A industria da automoción representa en Galicia o 15 por cento do emprego industrial, 25.000 postos de traballo, e máis do 13 por cento do PIB, cunha facturación de 13.000 millóns de euros.