A Xunta pon en valor en Lalín a importancia de colaborar co tecido comercial para revitalizar as rúas no Nadal e impulsar as vendas de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no acto de acendido das luces de Nadal deste concello pontevedrés e na inauguración dos escaparates máxicos, unha iniciativa que conta co apoio do Executivo galego

Lalín (Pontevedra), 29 de novembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, participou esta tarde no acto de acendido das luces de Nadal na praza da Igrexa da localidade e na inauguración dos escaparates máxicos, unha iniciativa do Concello que conta coa participación do Centro Comercial Aberto de Lalín e co apoio da Xunta de Galicia para dinamizar o tecido comercial do concello durante estas datas.

Complementando as xa tradicionais Aldeas de Nadal que impulsa cada ano o concello de Lalín, o programa ponse en marcha por vez primeira a través de tres grandes eixos: a posta en valor de catro escaparates baleiros, nos que se recrean diferentes escenografías e estampas navideñas, a activación dun concurso de escaparates no que participan 31 comercios e cuxo nexo común son unhas casiñas de madeira artesanais elaboradas por Luchi Iglesias, e finalmente a aposta pola formación, xa que se impartiu ao tecido comercial participante un curso gratuíto sobre escaparatismo artístico e sustentable.

O director xeral destacou o valor desta iniciativa que pon o foco no comercio como un activo estratéxico —neste caso a través da decoración dos seus puntos de venda— para revitalizar as rúas e atraer visitantes, contribuíndo deste xeito a dinamizar o territorio e a estimular as vendas de proximidade nunha das campañas anuais de máis importancia para o sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2024