A Xunta impulsará actividades artísticas co proxecto 'Talentia' durante a vindeira campaña de verán
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, mantivo hoxe unha reunión cos representantes do proxecto Talentia, o seu produtor executivo, dirección e interpretación, Rubén Riós, e a directora de produción e desenvolvemento de proxectos creativos, Carolina Martín. Tratouse dunha xuntanza na que se valorou a continuación da colaboración nesta iniciativa que impulsa actividades artísticas de cara á vindeira campaña de campamentos que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante o verán para a mocidade galega.
O campamento Talentia, presentado por vez primeira este verán, contou na pasada edición cunha grande acollida. Esta proposta de lecer trata de achegar á rapazada as claves das artes escénicas nas súas diferentes modalidades como son o teatro, o circo ou a danza, entre outros. Tamén conta con clases maxistrais con persoas especializadas nestes eidos artísticos ademais de actividades no entorno do concello de Boiro. Así, a Xunta de Galicia continua ofrecendo a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo ou formativo.