A Xunta remata as obras da depuradora de saneamento no lugar de Cioi, no concello de Vilarmaior, cun investimento de 55.000 euros
As actuacións contribuirán a un correcto tratamento das augas residuais xeradas por unha poboación de 100 habitantes
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, concluíu recentemente as obras da nova depuradora no lugar de Cioi, no concello coruñés de Vilarmaior, cun investimento de arredor de 55.000 euros.
As actuacións -financiadas con fondos propios do organismo hidráulico autonómico- consistiron na instalación dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) para 100 habitantes dotada de arqueta de desbaste, separador de graxas, decantador dixestor e arqueta de toma de mostras.
As novas instalacións permiten tratar as augas residuais das vivendas do núcleo de Cioi, que ata agora eran xestionadas a través de sistemas individuais. A súa posta en servizo mitigará os impactos negativos sobre os recursos hídricos naturais da zona preservando a calidade da auga. Ademais contribuirá á protección da saúde pública ao evitar a contaminación das fontes de auga próximas ás vivendas.
Con esta actuación, na que colaborou o concello de Vilarmaior, favorecerá o axeitado tratamento das augas residuais xeradas pola poboación de 100 habitantes existente neste lugar.