A titular de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, esta contorna na que se mellorarán os espazos peonís

A Xunta completa a humanización da travesía interior de Sabarís en Baiona, cun investimento de 1,8 M€

A actuación se desenvolverá ao longo dun treito de 1,1km da rúa Julián Valverde, desde o cruce coa rúa José Pereira Troncoso ata a rotonda da rúa Porta do Sol

Con esta nova fase, completaranse 2 quilómetros de itinerario peonil accesible nesta travesía

A actuación coidará a conexión coa ponte románica situada na contorna, lugar de paso do Camiño Portugués pola Costa, e ademais dos pavimentos que se habilitarán no acceso, abordaranse labores de limpeza e unha intervención de restauración de pezas de cantería

M. Allegue subliña o apoio da Xunta a estas actuacións de humanización e mellora do espazo público nos concellos, “que xogan un papel fundamental para a posta en valor das nosas vilas, e para dinamizalas social e economicamente”

Baiona (Pontevedra), 7 de decembro de 2024

A Xunta vai investir un orzamento de 1,8M€ nas obras que completarán a humanización da travesía interior de Sabarís, en Baiona. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a contorna onde se vai desenvolver esta actuación, que se abordará a través dun convenio co Concello a asinar en xaneiro.

Os traballos que se desenvolverán se enmarcan na liña de cooperación que a Xunta está a impulsar cos concellos para accións de mellora de contornas urbanas. “Son actuacións de humanización que xogan un papel fundamental para a posta en valor das nosas vilas, e para dinamizalas social e economicamente”, como subliñou a conselleira, tras apuntar que a previsión é que a obra estea rematada no 2026.

Neste caso, abordarase a humanización do treito de 1,1km da rúa Julián Valverde, desde o cruce coa rúa José Pereira Troncoso ata a rotonda da rúa Porta do Sol, e completarase así un itinerario peonil accesible de 2km, ao conectar con tramos xa executados noutro treito desta rúa Julián Valverde, así como na Porta do Sol e en Areas.

A actuación inclúe ademais intervencións de xardinería neses espazos peonís, a recuperación da contorna do mercado, a redución dos actuais dous carrís da rúa a un de 3,5 m de ancho, a dotación de prazas de aparcamento e o soterrado do cableado existente de telefonía e subministro eléctrico.

Ademais, como lembrou a conselleira, tamén terá especial tratamento a ponte románica situada nesta contorna, zona de paso do Camiño Portugués pola Costa. Ademais dos pavimentos que se habilitarán no camiño de acceso, abordaranse labores de limpeza e unha pequena intervención de restauración de pezas de cantería, controlada por persoal de restauración e arqueoloxía.

O convenio entre Xunta e Concello asinarase o mes próximo e a través deste acordo, a entidade local asumirá a titularidade da rúa Julián Valverde e a de Porta do Sol, que se corresponden coa travesía do antigo trazado da estrada autonómica PO-553.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2024