Belén do Campo clausura o obradoiro de emprego de Muxía, Camariñas e Vimianzo no que se formaron a 19 persoas en revestimentos de construción e limpeza de espazos abertos e instalacións industriais

A delegada da Xunta participou na clausura deste obradoiro de emprego dual organizado por Muxía, Camariñas e Vimianzo

Muxía (A Coruña), 9 de decembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na clausura do obradoiro de emprego dual Camiño ao Emprego 2023 de Muxía, Camariñas e Vimianzo, no que se formaron a 19 persoas en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e en limpeza en espazos abertos e instalacións industriais . A delegada destacou que este taller de emprego péchase despois de 12 meses, grazas a un investimento da Xunta de máis de 546.000 euros, no que o alumnado realizó 54 tarefas de mantemento e limpeza de espazos públicos nestes tres concellos.

 Concretamente de melloras e traballos de limpeza en Muxía nos locais sociais de Merexo, Bardullas, Frixe, Castelo, na Casa das Beiras, nas beirarrúas de Frixe Os Muiños, Quintáns, Suxo, e Senande, nos tramos do Camiño de Santiago, e unha limpeza especial no núcleo de Muxía durante a festa da Barca. En Camariñas en Saviña, Ponte do Porto, Camelle, Arou e en  Vimianzo no edificio deportes Serramo, na Casa de Cultura de Baíñas, no centro informático A Devesa, nos vestiarios da piscina, no ximnasio municipal, entre outros

Tamén levaron a cabo tarefas de limpeza en espazos abertos e en instalacións e equipamentos industriais en Vimianzo en beirarrúas do parque empresarial, Bamiro, Tines, Treos, Serramo, Baíñas, Castrelo, Cambeda, Salto, Vimianzo, Calo, Carantoña, Cereixo, Carnés, Berdoias e no punto limpo.

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Obradoiros 24-25

Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.

Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar a 440 persoas sen traballo.

Estes obradoiros –que poden ser solicitados por concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, supoñen a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2024