O presidente da Xunta participou na entrega do XIV premio da Confederación de Empresarios da Coruña, onde se recoñeceu a traxectoria da presidenta do Hospital San Rafael
Rueda destaca o liderado empresarial de Benigna Peña durante máis de medio século vencellada á sanidade galega
Salientou o compromiso do Goberno galego co acceso universal, equitativo e de calidade aos servizos sanitarios, lembrando que o 40% dos orzamentos galegos vai destinado á Sanidade
Felicita á Confederación de Empresarios da Coruña pola consolidación destes premios como un recoñecemento ao papel fundamental do tecido empresarial galego no desenvolvemento económico e social da comunidade
A Coruña, 9 de decembro de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recoñeceu hoxe a traxectoria de Benigna Peña como un exemplo de liderado, visión empresarial e compromiso coa sanidade galega ao longo de máis de cincuenta anos. Así o sinalou durante o acto de entrega do XIV Premio Liderado Empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) á carreira da presidenta do Hospital San Rafael.
Durante o acto, Rueda destacou o papel fundamental da homenaxeada na creación e desenvolvemento de proxectos que melloraron a vida de moitas persoas, converténdoa nunha figura de referencia na comunidade empresarial e no ámbito sanitario. Ademais, subliñou a relevancia da Fundación I.M.Q. San Rafael e tivo palabras de lembranza tamén para o doutor Rafael Hervada, impulsor do hospital e de dita fundación xunto con Benigna Peña.
O presidente aproveitou para salientar o compromiso da Xunta co acceso universal, equitativo e de calidade aos servizos sanitarios. De feito, recordou que o 40% dos orzamentos galegos vai destinado á Sanidade, reservando para o próximo ano 5.458 M€, o presuposto máis alto da nosa historia.
Finalmente, Rueda felicitou á Confederación de Empresarios da Coruña pola consolidación destes premios como un recoñecemento ao papel fundamental do tecido empresarial galego no desenvolvemento económico e social da comunidade en favor dunha Galicia máis próspera, máis dinámica e máis innovadora.