Martina Aneiros pon en valor os programas de voluntariado impulsados desde a Xunta durante a apertura das xornadas ‘Traballando en rede’
Ferrol, 10 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na apertura das II Xornadas de Voluntariado Traballando en rede: compartindo diferentes experiencias, organizadas polo Concello de Ferrol ao que agradeceu a organización do evento que “permite reflexionar sobre a importancia do voluntariado na nosa cidade e recoñecer o labor de tantas entidades”.
Na súa intervención, Aneiros destacou o espírito colaborativo dos galegos e das galegas e puxo en valor a acción voluntaria como “unha ferramenta indispensable para construír unha comunidade máis xusta e solidaria”.
Neste contexto puxo o aceno nos diversos programas promovidos neste eido desde o Goberno galego, concretamente desde a Dirección Xeral de Xuventude, destacando especialmente a última iniciativa Queres falar?, un programa de voluntariado lingüístico destinado a promover o uso do galego entre a mocidade a través de conversas entre galegofalantes habituais e persoas que queiran mellorar as súas competencias no idioma ou incorporalo de novo á súa fala.