A Xunta destina 150.000 € para apoiar seis microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

O Diario Oficial de Galicia recolle que se financiarán actuacións promovidas polas entidades Beyond Suncare, Fundación Ayuda Solidaria Hijas de Jesús, Miradas al Mundo, Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) e Semilla para el Cambio 

Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal para poder en marcha a intervención

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, dotada cun orzamento de 150.000 euros, e promovidas por organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) e outros axentes galegos de cooperación.

Seis proxectos obtiveron a puntuación suficiente para ser aprobados e financiados. Trátase de iniciativas de Beyond Suncare en Malawi, da Fundación Ayuda Solidaria Hijas de Jesús en Bolivia, da asociación Miradas al Mundo en Guinea Bissau e de Semilla para el Cambio na India. No caso da Asociación de Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) conta con dous microproxectos beneficiarios, un deles en campamentos saharauís e outro  ante as riadas do Perú con apoio de equipos de Bolivia.

Os microproxectos subvencionados son intervencións puntuais, de limitada intensidade e cunha duración máxima de 12 meses, destinadas a fortalecer ou complementar outras actuacións que os axentes de cooperación desenvolven no mesmo territorio. A achega da Xunta pode acadar ata o 95 % do orzamento total de cada iniciativa, cun importe máximo de 30.000 euros por proxecto. O período de execución das actuacións abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2026.

As axudas permiten financiar os gastos directamente vinculados á execución dos microproxectos, entre eles os derivados do alugueiro, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarias para o desenvolvemento das actuacións; a adquisición de equipamento e material informático; os gastos de persoal; os servizos técnicos e profesionais; as viaxes e aloxamentos; así como os gastos financeiros, de asesoramento xurídico, rexistrais e periciais. Tamén se consideran subvencionables os gastos correntes de funcionamento no país no que se execute a intervención.

Con esta resolución, a Xunta reafirma o seu compromiso coa cooperación internacional para o desenvolvemento e co apoio ás entidades galegas que impulsan iniciativas orientadas á mellora das condicións de vida das poboacións máis vulnerables. Esta liña de axudas complétase coa convocatoria anual destinada á execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes galegos de cooperación.

Data de actualización: 13/07/2026