A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausurou hoxe un encontro de despedida dos bolseiros que participan no programa de internacionalización do Igape

Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos

En total son 47 os beneficiarios na última convocatoria deste programa, que conta cun investimento de 3M€

Os participantes van ter a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia

“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, di Lorenzana

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou a vontade da Xunta de seguir impulsando a internacionalización da economía, tanto para aumentar a presenza de empresas galegas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia.

Lorenzana interveu hoxe nun encontro de despedida aos mozos e mozas que participan no programa de bolsas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ao que nesta convocatoria se lle asignou a contía máis alta de orzamento, 3 M€, con 91 solicitudes e un total de 47 beneficiarios.

Esa iniciativa ofrécelles a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Instituto Económico de Galicia (Igape) e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia.

Concretamente, 18 dos 47 bolseiros desta edición irán a Aclunaga, Anfaco, Asime, Bioga, CITIC (Centro de Investigación en TIC), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Clusaga, Cluster da Loxística, Clúster TIC, Clúster de Turismo, Clúster Saúde de Galicia, Gradiant, e ás Cámaras de Comercio de Santiago, Vigo e A Coruña.

Outros 29, irán ao estranxeiro: sete, ás antenas do Igape en México (2 persoas), Miami, Dubai, Tokio e Casablanca (2 persoas); un á Cámara de Comercio de España en Santiago de Chile; e 21 ás oficinas do ICEX en todo o mundo que supoñen un récord de presenza de bolseiros Igape na Rede de Oficinas Económicas e Comerciais no Exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, “o cal fala moi ben do recoñecemento que ten este programa despois de 30 anos de convocatorias”, dixo a conselleira.

“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, remarcou.

A conselleira asegurou que ese é un dos obxectivos nos que está traballando o Goberno galego, conscientes, dixo de que “o que precisa unha empresa cando vén investir a un territorio é un Goberno que facilite esa instalación”. Avogou, así, por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar ao máximo a actividade do tecido empresarial. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo  industrial gratuíto e de forma rápida e tamén por avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2024