A Xunta xa conta con 1.000 voluntarios para participar na fase piloto do proxecto Xenoma Galicia
Os días 14 e 21 de decembro procederase á toma de mostras de sangue deste primeiro grupo de participantes, nun proceso que se desenvolverá de xeito simultáneo nos14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde
A análise xenética supón obter unha información de valor incalculable sobre os riscos que posúen as persoas de padecer patoloxías graves e actuar en consecuencia para previlas ou tratalas a tempo
Esta fase piloto vai servir de ensaio operativo para avanzar progresivamente nas seguintes etapas desta iniciativa que está chamada a marcar un antes e un despois na protección da saúde da cidadanía galega
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024
A Xunta xa conta con 1.000 persoas voluntarias para participar na fase piloto do proxecto Xenoma Galicia, que botou a andar a finais do pasado mes co envío de sms de citación.
Trátase dun conxunto de cidadáns seleccionados para conformar unha mostra representativa da poboación galega na súa diversidade, contando con persoas dos dous sexos, de diferentes franxas de idade e residentes en distintas contornas, tanto rurais como urbanas.
A distribución dos participantes na fase piloto abrangue dous concellos do ámbito urbano, catro semiurbanos e nove do rural.
A toma de mostras de sangue realizarase nos hospitais do Servizo Galego de Saúde os sábados 14 e 21 de decembro, pola mañá, en tres tramos horarios.
Deste xeito, ponse en marcha o Proxecto Xenoma Galicia, a través desta fase piloto, que vai servir de ensaio operativo para avanzar progresivamente nas seguintes etapas desta iniciativa que está chamada a marcar un antes e un despois na protección da saúde da cidadanía galega.
Todas as persoas que recibiron unha mensaxe de selección, queiran participar e estean pendentes de cita para facelo, terán oportunidade de asistir ás seguintes convocatorias de tomas de mostra.
Este proxecto pioneiro da Xunta busca compilar unha gran mostra de ADN con fins médicos para identificar as variantes xenéticas de alto risco, co obxecto de poder actuar a tempo no seguimento, diagnóstico e tratamento de enfermidades graves, como o cancro de mama ou de ovario hereditario, entre outras.
A análise xenética supón obter unha información de valor incalculable sobre os riscos que posúen as persoas de padecer patoloxías graves e actuar en consecuencia para previlas ou tratalas a tempo e co tratamento preciso.