A Xunta adxudica por 2,5 M€ as obras para a humanización da travesía de Palmeira, no concello de Ribeira
A intervención no treito urbano de algo máis de 1 quilómetro da AC-305 parte dunha proposta da fundación RIA e creará un espazo máis humano e máis seguro para os peóns
O contrato asinarase nos vindeiros días e a previsión é poder iniciar as obras ao longo do vindeiro mes de en febreiro
Executaranse novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e nova iluminación
As actuacións permitirán reducir a velocidade máxima permitida a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril
Santiago de Compostela 11 de decembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 2.507.246 euros as obras para a humanización da travesía de Palmeira, no concello de Ribeira.
Esta intervención, adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S.L, ten como obxectivo transformar o treito urbano da estrada autonómica AC-305 que discorre por Palmeira nunha rúa, adaptándoo aos diferentes contextos que atravesa, integrándoo e recuperando o seu carácter humano.
O contrato asinarase nos vindeiros días para poder realizar en xaneiro do 2025 os traballos previos de identificación de servizos afectados, e a previsión é poder comezar a execución das obras ao longo do mes de febreiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 15 meses.
Trátase do proxecto redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas a partir dunha proposta deseñada polo fundación RIA, para adaptar o espazo público desta vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Palmeira, e que ten unha lonxitude de algo máis dun quilómetro.
O conxunto de intervencións obxecto do contrato que se vén de adxudicar posibilitará crear un espazo harmonizado que priorizará a mobilidade peonil, con zonas verdes e sombra natural.
As obras a executar céntrase no treito da estrada AC-305 situado entre os puntos quilométricos 35+400 e 36+500, onde se executarán novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e se disporá tamén nova iluminación.
As actuacións inclúen tamén a redución da velocidade máxima permitida a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril.