A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Val do Dubra cun investimento de máis de 114.000 €
Un total de 8 concellos da comarca de Santiago recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña por un importe de máis de 875.000 euros
Val do Dubra (A Coruña), 12 de decembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe a Casa de Cultura de Val do Dubra para coñecer a actuación de mellora da eficiencia enerxética do edificio que se vai levar a cabo cunha axuda de máis de 114.000 euros ao abeiro da convocatoria de axudas plurianual destinada a impulsar a eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais, que contou cun orzamento de 5,3 millóns de euros para toda Galicia cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025.
A representante do Goberno autonómico destacou que un total de 8 concellos da comarca de Santiago recibiron achegas do Goberno galego desta liña por un importe que supera os 875.000 euros.
Estas axudas van dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes e permiten cubrir ata o 80 % dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros.
Así, fináncianse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén son subvencionables as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido.
Outra das melloras contempladas nesta orde son á climatización e calefacción, que podían incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación tiña que oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros. As administracións locais beneficiadas tiveron que acreditar unha redución mínima inicial do 20 % do consumo anual de enerxía primaria non renovable e de nas emisións de gases de efecto invernadoiro.
Belén do Campo explicou que o obxectivo destas axudas “é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027”. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.