O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Mos no acto de inauguración do obradoiro de emprego dual ‘Queda en Mos III’
A Xunta inviste preto de 1 M€ en garantir a formación en comunicación dixital e carpintaría en Mos en beneficio das oportunidades laborais e da contorna
A acción ‘Queda en Mos II’ vén de clausurarse este luns mentres a terceira edición ábrese hoxe, ambas con 20 persoas desempregadas beneficiadas
O primeiro obradoiro aproveitouse para eventos do concello e para a dotación de centros educativos ou parques e espazos verdes, mentres o segundo abordará máis traballos de carpintaría e moble e produtos audiovisuais multimedia interactivos
José González sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego serven para reforzar a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade
No marco da convocatoria de obradoiros duais deste 2024 desenvolveranse deica o vindeiro ano un total de 87 accións por máis de 36 millóns de euros coas que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo en toda a Comunidade
Mos (Pontevedra), 13 de decembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Mos no acto de inauguración do obradoiro de emprego dual Queda en Mos III, especializado en carpintería e comunicación audiovisual. Alí puxo en valor esta iniciativa que resultou beneficiaria dunha axuda duns 442.000 euros no marco da convocatoria 2024-2025 e que supón xa unha terceira edición, tras o traballo desenvolvido nos últimos anos en beneficio dos servizos e infraestruturas da localidade.
O conselleiro, que estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destacou que o pasado luns se clausurou coa entrega de diplomas o taller Queda en Mos II, que cede agora o testemuño para outra vintena de participantes, cun orzamento global próximo ao millón de euros entre ambas accións. Sinalou que a formación e traballo remunerado arredor do márketing e a comunicación dixital e da carpintería 3D se aproveitou para eventos organizados no concello e para a dotación con infraestruturas de instalacións como centros educativos ou parques e espazos verdes municipais.
Mentres, segundo destacou González, o Queda en Mos III seguirá abordando traballos de carpintaría e moble, a instalación de elementos de carpintaría e o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos, en beneficio tanto das oportunidades laborais do alumnado traballador como da contorna.
O titular de Emprego explicou que estas actuacións, financiadas polo Goberno galego, contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego, un compromiso que se manterá —dixo— no 2025. Nese senso, salientou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.
En relación coa convocatoria de axudas deste ano, en toda Galicia invístense máis de 36 millóns de euros para desenvolver 87 obradoiros de emprego dual cos que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo. Na provincia de Pontevedra serán 20 os obradoiros que combinarán formación e traballo remunerado, haberá outros 27 talleres en Ourense, 23 na Coruña e 17 en Lugo. Entre os sectores aos que fan referencia as accións, rexístranse en todas as provincias os relativos á atención sociosanitaria, aos distintos aspectos da construción, ao sector forestal ou de viveiros e xardíns e á limpeza.
No acto tamén estiveron parte do cento de participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) de Mos, que están recibindo formación para mellorar as súas oportunidades e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido das accións formativas recibidas. En virtude da convocatoria deste ano, cabe destacar que se beneficiarán 5.800 persoas desempregadas dun total de 58 PIE, cun investimento de axuda total de case 12 millóns de euros, tras ampliar en máis dun 15% a contía inicial destinada a estes apoios. Na provincia de Pontevedra aprobáronse 25 proxectos por valor de máis de 5,4 millóns de euros.
Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais
No caso dos obradoiros duais como o inaugurado hoxe, poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.