A Xunta lanza a campaña de difusión dixital ‘Pon o bo por diante. Usa o botrato’ para concienciar á mocidade sobre as relacións igualitarias

Esta campaña dos centros Quérote+ pretende amplificar o seu traballo diario e dotar á mocidade de ferramentas útiles para identificar as relacións baseadas no respecto e a igualdade para unha convivencia harmónica e positiva

O ‘botrato’ convértese nunha soa palabra co obxectivo de conseguir que co uso cotiá deste termo, tanto na expresión oral como no comportamento diario, algún día poida ser un termo recollido no dicionario, como xa é a palabra maltrato

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia lanza a campaña dixital Pon o bo por diante. Usa o botrato a través dos centros Quérote+ que ten como obxectivo concienciar á mocidade sobre as relacións igualitarias. Esta acción pon o foco en ensinar a relacionarse no marco da igualdade e así o transmite o vídeo na súa locución: ‘Calquera relación, sexa do vínculo que sexa, debe construírse no respecto, na liberdade, nos coidados e no valor da diversidade. Isto é o botrato. Pon sempre o bo por diante. Usa o botrato!’.

Neste sentido, a Xunta de Galicia destaca que no camiño da prevención ante todo tipo de violencias, é fundamental dotar de ferramentas que sexan útiles, tanto para identificar posibles situacións de maltrato, como tamén para identificar as relacións baseadas no respecto e a igualdade que posibiliten unha convivencia harmónica e positiva.

Así, a directora xeral da Promoción da Igualdade, María Quintiana, explica que cando traballamos no que queremos conseguir, que é unha convivencia respectuosa no marco da igualdade e o botrato, de forma simultánea estamos facendo prevención e, polo tanto, evitando posibles situacións de maltrato.

Botrato, unha nova palabra

Deste xeito, Quintiana destaca o feito que nesta campaña o botrato convértese nunha soa palabra, co obxectivo de conseguir que co uso cotiá deste termo, tanto na expresión oral como no noso comportamento diario, algún día poida ser un termo recollido no dicionario, como xa é a palabra maltrato.

O termo maltrato está moi presente e visible na sociedade, temos moi claro o que representa e significa. E tamén temos un firme compromiso para a súa erradicación como problemática social. Sen dúbida, o uso e existencia dunha palabra permite nomear unha realidade, darlle significado, axuda a identificar e a poder falar sobre ela. Así aconteceu coa palabra maltrato e así queremos que aconteza coa palabra botrato.

Esta campaña enmárcase nos centros Quérote+ co obxectivo de amplificar as mensaxes e o traballo do equipo de profesionais que forman parte deste servizo público da Xunta de Galicia nos diferentes obradoiros e charlas de botrato que desenvolven nos centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024