A Xunta pon en valor o labor das mesas locais contra a violencia de xénero como exemplo de coordinación entre administracións
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou hoxe na xuntanza celebrada en Cambados, na que se avaliaron os itinerarios de actuación e resposta
Cambados (Pontevedra), 1 de outubro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu esta mañá á reunión da mesa local de coordinación interinstitucional da Mancomunidade do Salnés. Entre outras cuestións, na xuntanza avaliouse a proposta de itinerarios de actuación e resposta ante casos de violencia de xénero.
O director xeral destacou o papel clave que desempeñan estas mesas locais contra a violencia de xénero para ampliar e fortalecer a colaboración institucional na detección de posibles casos. Ademais, fixo fincapé na importancia destas xuntanzas, que agrupan no ámbito municipal políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.
As mesas locais de coordinación son espazos de traballo conxunto entre os diferentes axentes e profesionais do concello que teñen como obxectivo ofrecer unha mellor prestación de servizos dirixidos ás mulleres que sofren violencia de xénero. A Xunta está a traballar para intensificar o labor das mesas nos concellos nos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen.