A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou as actuacións a desenvolver no ámbito PS-6

A Xunta licita por 4,8 M€ as obras para a urbanización do sector autonómico do Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA en Vigo

Os traballos terán unha duración de 15 meses, polo que se espera que a mediados do 2026 estean rematados 

 Na urbanización, a circulación non motorizada terá prioridade, polo que se optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación

Fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas

En canto ás edificacións existentes, protexerase e conservarase o Edificio Morse e o da Enfermería,  pertencentes ao catálogo de elementos de patrimonio cultural do Plan Sectorial, así como a residencia Álava e a residencia Linier

 A conselleira destacou que a posta en marcha deste proxecto é “un punto de inflexión, pero hai seguir traballando” e que “máis pronto que tarde” chegará o formalización do acordo co Concello e Zona Franca para desenvolver o Proxecto Sectorial do PS1

Vigo, 13 de decembro de 2024

A Xunta vén de licitar hoxe, por importe de máis 4,8M€, as obras para a urbanización do sector autonómico do Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA de Vigo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou esta mañá nos mesmos terreos da ETEA este ambicioso proxecto e destacou que a previsión é que a mediados do 2026 os traballos estean rematados, co que o espazo “estará preparado para recuperar a vida que noutrora tiña”.

M, Allegue cualificou como “un paso fundamental” a contratación destas obras, 22 anos despois do peche da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada. Trátase da contratación dos traballos de urbanización da área correspondente ao Proxecto Sectorial chamado PS-6, que supón, polo tanto, o arranque dos novos usos no ámbito da antiga Escola, onde se situará o futuro Campus do Mar de Vigo, entre outros equipamentos.

Neste senso, a conselleira destacou que a posta en marcha deste proxecto é “un punto de inflexión, pero hai seguir traballando “e neste senso confía en que “máis pronto que tarde” chegará o formalización do acordo co Concello e Zona Franca para desenvolver o Proxecto Sectorial do PS1.

O investimento da intervención cubrirá a realización de toda a obra da urbanización do ámbito, cunha superficie de algo máis de 20.000 m², que se sitúa ao oeste da vía principal, entre as instalacións deportivas e a praza de Armas. 

As obras terán un prazo de execución de 15 meses. E as empresas interesadas teñen de prazo ata o 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas. 

Actuacións

A actuación prevista define un sistema viario adecuado para responder ás necesidades funcionais de comunicación, tanto rodada como peonil, respectando as vías existentes. Só se levará a cabo a renovación dos seus servizos e pavimentos e un reaxuste das dimensións e, como subliñou a conselleira, “respectaranse todos os elementos de valor patrimonial e ambiental”. Ademais, destacou que se realizarán as actuacións necesarias para garantir a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

A circulación non motorizada terá prioridade, polo que se optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación. Coa urbanización fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas. 

A avenida Central, que se estende desde o acceso ao recinto ata a praza de Armas, constitúe o eixo estruturante de todo o complexo e del partirán ás vías de acceso ás diferentes plataformas nas que se articula o ámbito do PS-6. 

En canto aos aparcadoiros, proxéctanse 48 prazas no interior do ámbito, distribuídas nas distintas plataformas de acceso ás edificacións. 

A actuación incluirá a renovación das redes de abastecemento, saneamento, electricidade, alumeado, telecomunicacións e gas, así como as conexións exteriores destes servizos.

En canto ás edificacións existentes, protexerase e conservarase o Edificio Morse e o da Enfermería,  pertencentes ao catálogo de elementos de patrimonio cultural do Plan Sectorial, así como a residencia Álava e a residencia Liniers. Ambas edificacións, como indicou M. Allegue, “posúen un valor arquitectónico singular, e son identitarias da arquitectura militar”. 

Por outra banda, eliminarase o edificio de aulas e o edificio Patiño, e ampliaranse os espazos libres contiguos a estes para a posta en valor do edificio Morse e Enfermería.  Suprimirase tamén o Corpo de Garda, cuxas dimensións non se consideran acordes ás necesarias para acoller os usos demandados.

“Chegou o momento da ETEA e a mediados de 2026, este espazo será outro, preparado para recuperar a vida que noutrora tiña, sendo unha peza clave do Campus do Mar -indicou a conselleira-. Veciños e visitantes desfrutarán deste entorno rehabilitado e adecentado”. Engadiu que a restauración deste espazo “debe ser un traballo conxunto, tanto das administracións coma dos cidadáns, que son os que verdadeiramente revitalizarán esta contorna”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024