O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, visitou o centro vigués
Román Rodríguez anuncia a primeira fase da rehabilitación do centro integrado de FP Valentín Paz Andrade de Vigo por case 2 M€
As obras consistirán na renovación das cubertas do centro, o que mellorará a eficiencia enerxética do edificio, na liña do Plan de nova arquitectura pedagóxica
“Estamos a investir máis de 3,5M€ na rehabilitación de dous centros de referencia da FP en Vigo, os centros integrados Manuel Antonio e este Paz Andrade”, destaca
Pon de relevancia o compromiso da Xunta coas instalacións educativas de Vigo, cun investimento de case 30 M€ no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica
Vigo, 13 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe a primeira fase da rehabilitación do Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade. Nunha visita ao centro vigués, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que esta intervención contará cun orzamento de case 2M€ e terá como obxectivo a renovación total das cubertas do centro.
“Estamos a investir máis de 3,5M€ na rehabilitación de dous centros de referencia da FP en Vigo, o CIFP Manuel Antonio e este CIFP Valentín Paz Andrade”, destacou o conselleiro. “Son dúas obras de gran calado, que se completarán no futuro con segundas fases para acometer unha renovación completa destes centros, que acollen a preto de 2.500 alumnos e case 220 docentes”, detallou.
Román Rodríguez explicou que estas actuacións poñen de relevancia o compromiso da Xunta de Galicia coas instalacións educativas de Vigo. “Estamos investindo case 30M€ na mellora das instalacións dos centros desta cidade no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao mesmo tempo que os facemos máis respectuosos co medio ambiente.
A previsión é licitar esta obra como adiantado de gasto neste mes de decembro, de tal forma que se poida iniciar no segundo trimestre do 2025, cara ao final do curso académico, para poder realizar os traballos aproveitando o verán. O prazo de execución da obra é de seis meses.
Renovación de 8.000 m² de cubertas
Ao igual ca no caso do CIFP Manuel Antonio, no CIFP Valentín Paz Andrade a reforma comezará pola renovación das cubertas, unha actuación que permitirá mellorar a estanqueidade do centro. Como consecuencia, mellorarase a eficiencia enerxética do centro, en consonancia cunha das principais liñas de actuación do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta primeira fase consistirá na substitución dos 8.035 m² de cubertas do centro por unha nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro con illamento térmico, cambiando tamén os canos e as baixantes. Así mesmo, substituiranse as carpinterías exteriores do salón de actos por unhas novas de aluminio anodizado e dobre acristalamento climalit. Tamén se limpará, reparará e impermeabilizará a cuberta plana practicable do patio interior.
Ademais, repararanse as fachadas en mal estado, aplicándolles tamén illamento térmico tipo SATE, mudaranse os falsos teitos dos talleres e instalarase un novo colector de pluviais.