A Xunta adxudica as obras da reforma e mellora de rúa en Fumaces, no concello de Riós
Os traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe da Xunta, foron adxudicados por importe de 237.251€
A actuación busca facilitar a accesibilidade neste núcleo do municipio ourensán polo que pasa a Vía da Prata, contribuíndo á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago
Estas obras enmárcanse nun convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de Riós, que achegará o 30% restante
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar á empresa Construcciones Ropán S. L. as obras de reforma e mellora de rúa en Fumaces, por un orzamento de 237.251€.
Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta ao abeiro do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.
Deste xeito, as obras permitirán mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago. En concreto, acondicionarase un tramo da rúa de Fumaces, núcleo pertencente a localidade de Riós e polo que pasa a Vía da Prata. Na actualidade, dita rúa atópase en mal estado de conservación, contando cun pavimento moi deteriorado.
Para iso, realizarase unha reforma da rúa, levantando o pavimento existente, arranxando aqueles tramos da canalización de augas pluviais que presenten deficiencias e colocando unha nova pavimentación acorde coa contorna do Camiño de Santiago.
A través do convenio, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención; e o Concello de Riós, que achegará o 30% restante.
Esta actuación enmárcase na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.