Vinte desempregados rematan o obradoiro dual de emprego de Caldas de Reis

O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros

Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego ‘Os Camiños do Camiño IV’.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de forestal-xardinería e albanelería. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.

Cabe destacar que este ano máis de 400 persoas desempregadas da provincia de Pontevedra tiveron a oportunidade de participar nun dos distintos obradoiros duais de emprego que se levaron a cabo.

O delegado territorial sinalou durante a súa intervención que “despois de clausurar máis dunha decena de obradoiros e coñecer a centos de participantes, estou convencido de que esta é unha iniciativa de gran valor, tanto polo seu carácter social, como porque ofrece novas oportunidades laborais".

Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que algúns obradoiros aínda non foron clausurados”.

Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024