O delegado territorial visita o resultado das obras de embelecemento da avenida Barreiro Cabanelas, na Lama

As obras serán posibles grazas á subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas, que deixou na Lama  30.000 euros

Estas axudas deixarán un total de 230.000 euros en oito concellos da provincia de Pontevedra 

O proxecto de embelecemento deste lugar xa foi comezado no ano 2022 grazas a esta mesma liña de subvencións

A Lama (Pontevedra), 13 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu esta mañá a avenida Barreiro Cabanelas, no concello da Lama. Alí visitou o resultado das obras de embelecemento da zona levadas  a cabo grazas ás axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia.

Grazas a esta axuda de 30.000 dáse continuidade a unha obra realizada no ano 2022 e continuada no 2023 ao abeiro destas mesmas subvencións e que permitiu substituír o pavimento de asfalto por pedra para conseguir unha maior harmonía e coherencia coa estética do lugar. 

Esta convocatoria conta cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros en toda Galicia, que beneficiarán a un total de 67 concellos, oito deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 230.000 euros. 

Acompañado polo alcalde da Lama, David Carrera, o delegado territorial destacou a importancia destas iniciativas que, “ademais de ofrecer unha contorna máis amable aos veciños e veciñas da zona, son exemplo de colaboración e coordinación entre as institucións“.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024