A Xunta inviste 880.000 euros nos dous obradoiros de emprego que comparten Ribadeo e Barreiros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que supoñen novas oportunidades laborais para 36 persoas desempregadas, 16 delas inscritas no sistema de garantía xuvenil

Ribadeo (Lugo), 13 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia inviste 880.500 euros nos dous obradoiros de emprego que comparten os concellos de Ribadeo e Barreiros, nos que se forman 36 persoas desempregadas en distintas especialidades con demanda no mercado laboral.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á inauguración do obradoiro dual “Constrúe en verde”, que conta con 10 alumnos en Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e outros tantos en Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais.

Ademais, desde o pasado mes de outubro e durante un ano estará en marcha o obradoiro “Máis emprego”, con 16 alumnos menores de 30 anos procedentes do sistema de garantía xuvenil; oito fórmanse en Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e a outra metade en  Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais.

Os participantes do obradoiro de emprego son contratados para formarse e adquirir experiencia profesional en sectores con elevada demanda laboral. No caso da iniciativa  que hoxe bota a andar, traballarán 9 meses no obradoiro e a continuación incentivarase a súa contratación por un período de tres meses en empresas locais, co fin de facilitar o primeiro achegamento ao mercado de traballo nas especialidades aprendidas.

Traballos a realizar

Os obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas dos concellos promotores. En concreto, o alumnado do proxecto “Constrúe en verde” acometerá labores de conservación e recuperación da Muralla do Forte de San Damián, das antigas escolas de Vilamar ou do antigo edificio do Motor club, entre outros.

Tamén levarán a cabo a limpeza de rúas, praias e instalacións e equipamentos industriais, como a nave municipal de obras de Ribadeo situada na parroquia de Vilaselán ou espazos do punto limpo de Barreiros.

Igualmente, van aplicar limpezas exteriores e interiores e tratamentos de solos, paredes e teitos en distintos inmobles de titularidade municipal, como a oficina de turismo, auditorio e cine-teatro de Ribadeo, ou a Casa do Concello e o centro sociocultural en San Cosme de Barreiros.

Por último, traballarán na xestión de residuos urbanos, cunha campaña de sensibilización  sobre a sostibilidade, e na xestión de residuos industriais no punto limpo de Barreiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024