Belén do Campo inaugura o obradoiro de emprego de Reserva da Biosfera: emprego verde IV no que se formarán 20 persoas en xardinería e en auxiliares de construción e albanelería
A delegada da Xunta participou na apertura deste taller de formación que conta cun apoio da Xunta de case 412.000 euros e que se prolongará durante 9 meses
A representante do Goberno autonómico destacou que neste obradoiro dual participan os concellos de Abegondo, Carral, Bergondo, Paderne, Oza-Cesuras e Sada
Carral (A Coruña), 16 de decembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual, Reserva da Biosfera: emprego verde IV no que participan os concellos de Abegondo, Carral, Bergondo, Paderne, Oza-Cesuras e Sada no que se formarán 20 persoas en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e albanelería de fábricas e cubertas. A delegada destacou que este taller de emprego terá unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán 19 actuacións de interese público nestes cinco concellos. Esta partida, unida á do obradoiro 23-24, eleva o investimento da Xunta nestes talleres a case 1 millón de euros. Belén do Campo subliñou que na comarca de Betanzos, nos obradoiros do 23-24 e 24-25 ,en total investíronse 4 millóns de euros.
Concretamente, a delegada explicou que o equipo de xardinería, levará a cabo a conservación, limpeza e acondicionamento das áreas recreativas de O Monte, e Sarandóns, da Casa do Concello, do local social de Bordel e do invernadoiro de Limiñón en Abegondo; da Casa do Concello e do polígono industrial en Bergondo; do polígono de Os Capelos e da área recreativa de Marco das Eiras en Carral; das áreas recreativas de Vigo e de Medín e da finca de O Pedregoso en Paderne; e do parque Posse en Sada.
Pola súa banda, o equipo de auxiliares de construción e albanelería levará a cabo o acondicionamento e mellora do edificio San Marcos e dos locais sociais do Bordel e Meangos en Abegondo; da nave municipal de servizos e do edificio Toñito Espiñeira en Carral e da área recreativa de Vigo en Paderne.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Os obradoiros duais
Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Teñen preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.