A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do Informe anual da cadea monte-industria, elaborado pola Universidade de Vigo co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)

A Xunta salienta a contribución económica e laboral do sector forestal-madeira, indispensable para a economía verde e o equilibrio territorial

Do informe despréndese que en 2023 Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, consolidándose como unha das principais rexións produtoras de Europa

Cifra a facturación desta industria en máis de 2.400 M€ anuais con máis de 19.000 persoas empregadas

En canto ao comercio exterior, en 2023 o sector exportou por valor de 2.396 M€, unha contía similar á do ano 2022, cando se acadou un máximo histórico de máis de 2.400 M€ que supuxo un fito na tendencia crecente desde o ano 1995

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do Informe anual da cadea monte-industria, elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), onde se puxo de manifesto a contribución económica e laboral deste sector, que representa o 12 por cento do emprego industrial en Galicia e é indispensable para a economía verde e o equilibrio territorial.

Do informe despréndese que en 2023 Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, consolidándose como unha das principais rexións produtoras de Europa. Tamén cifra a facturación desta industria en máis de 2.400 millóns de euros anuais.

O emprego nas catro ramas principais da cadea de valor superan a data de novembro de 2024 os 19.000 afiliados na Seguridade Social; unha cifra á que habería que engadir os profesionais autónomos e todos aqueles que teñen a afiliación vinculada a algunha das actividades restantes da cadea como a produción de enerxía, o transporte, a construción, etc.

En canto ao comercio exterior, en 2023 o sector exportou por valor de 2.396 millóns de euros, unha contía similar á do ano 2022, cando se acadou un máximo histórico de máis de 2.400 millóns de euros que supuxo un fito na tendencia crecente desde o ano 1995. Esa tendencia é similar nos distintos grupos de familias de produtos, tanto madeira como as súas manufacturas, pasta, papel e mobiliario.

Apoio da Xunta

Lorenzana estivo acompañada do director da Xera, Jacobo Aboal, quen salientou que a transición cara a unha economía circular é unha oportunidade para desenvolver novos produtos derivados da madeira, diversificar mercados e avanzar en tecnoloxías innovadoras que incrementen a competitividade do sector. O obxectivo é seguir impulsando a modernización das industrias de segunda e terceira transformación, sabendo que o forestal é un sector clave para o desenvolvemento do medio rural, onde xera emprego de calidade e fixa poboación.

As medidas adoptadas pola Xunta a través da Xera en apoio á cadea Monte-industria, en todo 2024 suman 10 millóns de euros. Entre elas, figura o Plan director do sector forestal, actualmente en proceso de elaboración, que establecerá as liñas mestras para afrontar os retos do sector e reforzará a colaboración entre a industria e a Administración autonómica, comprometida cun desenvolvemento sostible e competitivo.

As axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) inclúen apoios para impulsar a utilización de madeira na construción estrutural, priorizando produtos de montes galegos sustentables con certificacións PEFC/FSC ou a marca Pino de Galicia. A meta é alcanzar progresivamente un uso da madeira do 20 % tanto na construción privada como na edificación pública.

Por outra banda, tamén se destinan apoios para incentivar a dixitalización e a innovación en pequenas e medianas empresas, ademais de fomentar investimentos en tecnoloxías forestais e a valorización de pemes de primeira e segunda transformación. E, no referente á cualificación profesional, a Xunta segue impulsando programas de formación especializada que garanten unha man de obra adaptada ás demandas actuais e futuras do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2024