A Xunta subvenciona con 300.000 euros as obras de mellora das instalacións do campo de fútbol da Mata, no Rosal
O delegado territorial visitou o avance das obras, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete
A axuda fai parte dun fondo adicional ao Fondo de Compensación Local que permitirá realizar sete obras estratéxicas nos concellos da área territorial de Pontevedra
O Rosal, 18 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora e optimización das instalacións do campo de fútbol da Mata, no concello do Rosal.
Estas obras, que tiveron un custo de preto de 600.000 euros e contan cunha achega da Xunta de preto de 300.000 euros, permitiron mellorar as instalacións e facilitar a organización de eventos e actividades turístico-deportivas, coa sostibilidade como principal novidade.
Así, renovouse o céspede artificial do campo de futbol e mellorouse a accesibilidade das instalacións, entre outras actuacións.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de apoiar aos concellos na modernización das súas instalacións. “A colaboración entre institucións é unha peza clave para a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas, das instalacións que desfrutan e da oferta de ocio e cultural que teñen ao seu alcance”, explicou Reguera.
Cabe destacar que esta partida encádrase nun fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, destinado a proxectos estratéxicos. Esta liña adicional conta con máis de 2,5 millóns de euros que permitirán realizar sete proxectos nos concellos da área territorial de Pontevedra. O total investido en Galicia é de 8, 5 millóns de euros
Reguera rematou a visita lembrando o compromiso da Xunta coa “mellora da sostibilidade dos espazos públicos”, un obxectivo que “non solo é positivo para o medio ambiente, senón que ademais é clave na redución dos gastos correntes das administracións”.
As actuacións beneficiarias da nova liña de axudas no conxunto de Galicia ascenden a unha vintena. As obras céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte salientou a importancia de que Galicia conte cun mapa de infraestruturas deportivas actualizado e subliñou os esforzos da Xunta nos últimos anos.
En concreto, Lete Lasa destacou que, tras o pulo ás infraestruturas deportivas en 2023 -cando se destinou o 50% do orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte á construción e mellora de instalacións deportivas coa posta en marcha de tres ordes plurianuais para concellos e entidades- e en 2024, a Xunta de Galicia continuará na mesma liña en 2025 sumando novos esforzos para que os galegos e galegas poidan adestrar nas mellores condicións.