A Xunta subliña o seu compromiso coa seguridade industrial que aporta valor diferencial e maior competitividade aos sectores produtivos

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asiste a unha xornada sobre Seguridade Industrial na Enerxía

Destaca a triple vertente da seguridade industrial: o interese público, o interese social e o interese económico

Sinala que unha industria máis segura será tamén unha industria máis produtiva, eficiente, competitiva e máis humana

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe o firme compromiso da Xunta de Galicia coa seguridade industrial da que dixo, “aporta valor diferencial e maior competitividade aos sectores produtivos”.

Fernández Vila asistiu a unha xornada sobre Seguridade Industrial na Enerxía organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, onde explicou o importante papel que esta xoga á hora de garantir o benestar social e protexer, directa e indirectamente, o día a día das persoas. Ademais fixo fincapé no seu carácter transversal, neste caso vinculado ao binomio enerxía-industria, no que Galicia é punteira.

Durante a súa intervención, o director xeral tamén fixo alusión á triple vertente que ten a seguridade industrial: o interese público pois está ao servizo da protección das persoas; o interese social xa que beneficia a toda a cidadanía; e o interese económico, pois a mellora e mantemento das instalacións redunda nunha maior vida útil.

Segundo expuxo, esta triple vertente enlaza coa visión da Xunta de Galicia sobre os proxectos de recursos naturais que se recolle na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia aprobada no Parlamento galego hai case dous meses. Neste sentido, lembrou que calquera proxecto que se desenvolva na comunidade ten que garantir un beneficio social e un beneficio económico nos territorios onde se implante.

Por outra banda, Pablo Fernández Vila, puxo en valor as diferentes actuacións que está a levar a cabo a Xunta en materia de seguridade industrial co obxectivo de evitar riscos a todos os galegos e galegas. Entre elas destacou o Plan de inspección anual, o Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia, ou a creación do Consello Galego de Seguridade Industrial.

Finalmente, o director xeral fixo fincapé no feito de que unha industria máis segura, será unha industria máis produtiva, máis eficiente, máis competitiva e sobre todo unha industria máis humana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2024