O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, mantivo unha reunión coa directora do Consello Superior de Investigacións Científicas
A Xunta avalía co CSIC accións para impulsar a proxección internacional do Cesga
O Goberno galego, que leva investido en centros do CSIC máis de 28M€, reforza lazos coa entidade estatal para impulsar a investigación de excelencia
Este organismo estatal é a segunda institución que máis emprega os recursos de cálculo do Centro de Supercomputación de Galicia
Na cita, que busca reforzar a colaboración entre as entidades para o beneficio da comunidade científico-tecnolóxica, analízanse futuros proxectos en conxunto
Madrid, 19 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión coa presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Eloísa del Pino, para avaliar futuras colaboracións entre este organismo estatal e a Xunta de Galicia, así como para dialogar sobre pulo que se lle está a dar ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e impulsar así conxuntamente a proxección internacional desta entidade.
Trátase da primeira reunión de Román Rodríguez coa responsable do CSIC tras asumir as competencias de Ciencia no Goberno galego. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro incidiu na importancia do traballo conxunto “entre entidades de diferentes administracións con un obxectivo común, pois é a mellor forma de acadar grandes resultados”. Xunta e CSIC “debemos traballar xuntos por alentar a ciencia e a investigación de excelencia”, engadiu.
O Goberno galego, comprometido co impulso da I+D+i na Comunidade, leva achegado máis de 28M€ aos centros do CSIC en Galicia, entre os que destacan axudas a investigadores excelentes (ERC) e a grupos de referencia, así como a investigadores predoutorais e posdoutorais co obxectivo de atraer e reter talento.
Máis alá da colaboración que mantén a Consellería de Ciencia co CSIC en diferentes ámbitos relacionados coa investigación, destaca o traballo que se realiza no Cesga, dependente do Executivo autonómico e deste organismo estatal. Por iso, o representante do Goberno galego tamén amosou durante a reunión o interese da Comunidade por traballar conxuntamente a favor do Cesga, “podendo aproveitar máis o seu potencial e beneficiando así a relevancia do Cesga a nivel nacional e internacional”, sinalou.
Apoio aos centros do CSIC
De feito, o Cesga presta servicio a numerosos centros do CSIC, como son o Instituto de Física Teórica, o Instituto de Ciencia de Materiais ou o Instituto de Investigacións Químicas, entre outros. Esta colaboración converte ao CSIC na segunda institución -só por detrás da Universidade de Santiago de Compostela- que máis uso dos recursos de calculo fai do Cesga e conta para iso con 344 contas de usuario. A maiores, 126 proxectos dos investigadores do CSIC usan as infraestruturas do Cesga, o que deu lugar a 209 publicacións científicas.
Román Rodríguez recordou que a Xunta de Galicia construirá unha nova sede do Cesga no polígono da Sionlla de Santiago de Compostela co obxectivo de ampliar as súas capacidades. Esta actuación, que será o maior investimento na historia do Cesga, contará con 56M€ e prevese que estea finalizada a mediados de 2026.
Ademais de reforzar os lazos entre as entidades e valorar as colaboracións actuais, na reunión tamén se puxo sobre a mesa o impulso de novos proxectos conxuntos altamente estratéxicos para o propio Goberno galego e para o CSIC, e en especial para o beneficio de toda a comunidade científica.