A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, xunto á delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe as obras de mellora da AC-116 en Narón
A Xunta destinará o vindeiro ano un investimento de 68 M€ á conservación das estradas autonómicas, dos que 28 M€ serán para o plan de reforzos de firmes
O Goberno galego, cando comece o 2025, terá licitado xa obras por 11,86M€ para actuar en 16 estradas de 28 concellos nas catro provincias
Nas comarcas de Ferrolterra e do Eume, está en licitación por 2M€ a mellora de firme na AC-110, AC-112 e AC-564, ao paso por Narón, As Pontes, San Sadurniño ou Cabanas
En Narón, a Xunta está a ultimar o acondicionamento da AC-116 coa execución de 2 glorietas e un ramal de acceso ao polígono do Río do Pozo, cun orzamento de 934.000€
Allegue reiterou ao Goberno que acometa un plan de mantemento nas vías estatais, similar ao que executa a Xunta nas estradas da súa titularidade
Destacou que o Goberno galego destinará en 2025 un orzamento de 63M€ para seguir incrementando os quilómetros das vías de alta capacidade, libres de peaxe, tendo en conta que o 85% da poboación xa está a menos de 15 minutos dunha destas vías
Narón (A Coruña), 20 de decembro de 2024
A Xunta destinará o vindeiro ano un investimento de 68M€ á conservación das estradas autonómicas, dos que 28M€ serán para o Plan de reforzos de firmes.
O acondicionamento do firme nas vías autonómicas é unha prioridade para a Consellería de Planificación de Infraestruturas. Neste sentido, cando comece o 2025 terá licitado xa obras por 11,86M€ para actuar en 16 estradas de 28 concellos nas catro provincias galegas.
Posteriormente, nos meses de febreiro, marzo e abril a Xunta contratará o resto de obras de reforzo de firme para 2025.
De xeito máis concreto, nas comarcas de Ferrolterra e do Eume, a Xunta ten xa en licitación a actuación de reforzo de firme nas estradas AC-110, AC-112 e AC-564, por un importe de 2M€. Estes traballos levaranse a cabo nestas vías ao paso polos concellos de Narón, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas ou Cabanas.
Acondicionamento da AC-116 en Narón
Así o detallou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na visita ás actuacións na AC-116 en Narón.
Tal como puido supervisar a conselleira, o Goberno galego está a ultimar na AC-116 coa execución de dúas glorietas e un novo ramal de acceso ao polígono do Río do Pozo, cun investimento de máis de 934.000€.
A rotonda norte contribuirá á mellora da seguridade na intersección da vía autonómica coa provincial DP-5408; e a rotonda sur resolverá o cruce co acceso ao parque empresarial.
Aposta pola conservación
Allegue contrapuxo esta aposta da Xunta pola conservación da rede viaria coa falta de compromiso do Ministerio de Transportes, ao que o Goberno galego leva tempo solicitando que realice unha planificación de mantemento das estradas estatais.
Sinalou que a Xunta tamén segue incrementando os quilómetros das vías de alta capacidade, libres de peaxe, aos que se achegarán case 63M€. Hoxe en día, detallou que o 85% da poboación se atopa a menos de 15 minutos dunha destas vías.
Ademais apuntou que se está a promover o rescate da concesión de 4 autovías de peaxe en sombra: Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, que desde o 1 de xaneiro de 2025 pasarán a ser de xestión pública. Esta iniciativa posibilitará un aforro de máis de 330M€ en cánones e liberar arredor de 30M€ cada ano para as finanzas públicas galegas.