A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou este mercado de Nadal

Ángeles Vázquez vincula o éxito do mercado circular do Tinglado en Vigo co compromiso da cidadanía co consumo responsable e coa reciclaxe

As persoas que se acheguen ata o mercado terán á súa disposición 44 postos de venda atendidos por cidadáns particulares nos que poderán mercar todo tipo de artigos usados, sobre todo prendas de roupa, libros, cerámica e xoguetes

Vigo, 21 de decembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, vinculou hoxe o éxito do mercado circular que se celebra no Tinglado de Vigo co compromiso da cidadanía co consumo responsable e coa reciclaxe.

Durante a visita que realizou hoxe a este mercado de Nadal, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira puxo en valor esta iniciativa pioneira que converterá esta fin de semana o emblemático edificio nun punto de encontro para a compra-venda entre particulares de produtos de segunda man e co que se busca promover un consumo sostible e responsable durante estas datas.

Tras lembrar que se recibiron máis de 600 solicitudes de cidadáns particulares para poder participar como vendedor, Ángeles Vázquez animou a toda a cidadanía a colaborar na iniciativa e a dala a coñecer entre familiares e amigos para contribuír a convertela no mercado circular de Nadal de referencia e nun espazo de encontro para xente que aposta pola sostibilidade nas súas compras á hora de agasallar, sen renunciar á calidade e á rendibilidade dos produtos.

Na xornada de hoxe, un total de 44 particulares exporán en postos de 2x2 metros os artigos que queren vender —entre os que predominan, sobre todo, prendas de roupa, libros, cerámica e xoguetes—. Mañá tomarán o relevo outras 44 persoas, seleccionadas de entre todos os solicitantes por estrita orde de inscrición. O horario de atención ao público dividirase en dúas quendas: de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas.

Esta iniciativa enmárcase no novo Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, aprobado este ano pola Xunta e co que busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo de economía circular que contribúa a cumprir coas exixencias europeas en materia de residuos, que inciden na prevención da xeración de refugallos e no fomento da preparación para a reutilización e reciclaxe dos produtos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2024