A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou o convenio co alcalde para abordar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe

A Xunta financiará con case 500.000€ a humanización da Praza Isaac Díaz Pardo no Concello de Oroso

A actuación porá en valor esta praza no núcleo de Sigüeiro, onde se sitúan os principais equipamentos municipais, transformándoa en espazo de preferencia peonil para convertela en lugar de encontro e de celebración de eventos

Os traballos enmárcanse no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e suporá un investimento total superior aos 705.000 euros

A través do convenio asinado hoxe por M. Allegue e o alcalde a Xunta financiará o 70% da actuación, contratará e executará as obras, mentres que o Concello asumirá o 30% restante

A previsión é licitar as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, ao longo de xaneiro para poder inicialas no mes de maio

A conselleira subliña as actuacións de humanización nos concellos, cuxos espazos mellorados “convértense en novos puntos de encontro dos veciños, reforzan o atractivo destes lugares e dinamizan os concellos social e economicamente”

Oroso (A Coruña), 21 de decembro de 2024

A Xunta investirá un orzamento de preto de medio millón de euros (493.775 €) nas obras de humanización da praza Isaac Díaz Pardo do concello coruñés de Oroso. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde Álex Doval, o convenio para a execución desta actuación ao abeiro do Plan Hurbe, co que o Goberno galego colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora contornas urbanas e accesibilidade.

A humanización desta praza Isacc Díaz Pardo, que acolle as principais instalacións municipais como a Casa do Concello, o Xulgado de Paz, a biblioteca ou o centro social, terá un investimento total de 705.393€, dos que a través deste convenio a Xunta aportará o 70% e o Concello o 30 restante (211.618€). A previsión é licitar as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, ao longo de xaneiro para poder inicialas no mes de maio.

M. Allegue subliñou que a intervención “porá en valor e transformará en praza de preferencia peonil este espazo”, que tamén se encontra na contorna do Camiño Inglés, converténdoa en lugar de encontro, interacción social e celebración de eventos.

Para iso desenvolveranse distintas intervencións. Restrinxirase o tráfico rodado, priorizando o peonil e permitindo a conexión polas rúas Xuncal e Camiño Inglés. Ademais, eliminarase o estacionamento de vehículos, aínda que se manterá o acceso aos vehículos de reparto.

Así mesmo, garantirase a accesibilidade ao Concello, ao preverse a modificación das escaleiras de acceso e a dotación dunha rampla accesible. Poranse en valor os equipamentos municipais existentes, unificando a imaxe da praza como un lugar de estancia, con espazos verdes e mobiliario.

A conselleira felicitou ao Concello de Oroso por este proxecto e destacou que estas actuacións de humanización e mellora do espazo público “xogan un papel fundamental para poñer en valor as nosas vilas”, ao converter os espazos mellorados en novos puntos de encontro dos veciños, co que se “reforza o atractivo destes lugares e se dinamizan os concellos social e economicamente”.

M. Allegue incidiu en que a través do Plan Hurbe, o Goberno galego facilita proxectos que subliñan a singularidade dos concellos e contribúen ao reequilibrio territorial” e sinalou que entre 2010 e 2024 desenvolvéronse 423 actuacións en concellos galegos a través deste programa. Para o vindeiro 2025, conta cun orzamento de aproximadamente 9M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2024