O Concello das Neves adquire unha retroexcavadora mixta grazas ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta
O Concello recibiu unha achega de 32.500 euros
En total, na área territorial de Pontevedra, 15 concellos se beneficiaron da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental
As Neves (Pontevedra), 27 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello das Neves, que acaba de adquirir un novo vehículo para a protección do ambiente e do espazo natural grazas ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
En total, o concello contou cunha achega de 32.500 euros que permitiu a adquisición dunha retroexcavadora mixta de segunda man coa que esperan axilizar e perfeccionar as labores de limpeza e coidado do medio. Neste sentido, Reguera destacou a “boa decisión tomada polo concello, tendo en conta que As Neves é un concello especialmente vulnerable aos incendios”.
Esta liña de axudas contou cun orzamento de máis de 475.000 euros na área territorial de Pontevedra, dos que se beneficiaron 15 concellos.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “seguir substituíndo as frotas municipais para conseguir unhas institucións máis respectuosas co medio ambiente”.
Cabe destacar que, dende o ano 2010, o concello das Neves recibiu achegas por valor de preto de 675.000 euros a través deste Fondo de Compensación Ambiental.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.