O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 31 de decembro unha ampliación desta orde de achegas para facilitar a conciliación

O Bono Concilia Familia da Xunta chegará este ano a preto de 15.000 fogares, un 37% máis que na convocatoria anterior

O orzamento final deste programa sitúase en preto de 2,8 millóns de euros

Está pensado para que familias con nenos ata os 13 anos nas que os proxenitores traballan poidan conciliar en situacións puntuais e durante as vacacións escolares

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia amplía o crédito do Bono Concilia Familia para chegar neste 2024 a 14.800 familias, un 37% máis respecto das beneficiadas na convocatoria anterior e 1.300 máis sobre as previsións iniciais fixadas para este exercicio. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 31 de decembro un aumento do orzamento destinado a este programa en 128.300 euros para acadar un montante total de preto de 2,8 millóns de euros, que é a maior dotación económica asignada ao Bono Concilia Familia desde a súa posta en marcha.

O obxectivo destas axudas é facilitar a conciliación ás familias con nenos de ata 13 anos nas que os dous proxenitores traballan ou un único proxenitor no caso das familias monoparentais. Están pensadas  para que as nais e pais poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade, cuestións laborais ou en períodos das vacacións escolares.

A Administración autonómica xa resolveu unha parte das solicitudes de axudas presentadas, cuxo prazo para facelo rematou a mediados do pasado mes de outubro. As contías que están a recibir as familias poden ser de 500 euros para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode chegar a percibir unha axuda de ata 600 euros.

O Bono Concilia Familia forma parte das medidas de apoio ás nais e pais que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño e as casas do maior ou a tarxeta Benvida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2025