Preto de 140 mozas e mozos galegos recalan este verán en Lugo nos seis campamentos que organiza a Xunta no LUG II

O delegado territorial, Alfonso Villares, deu a benvida aos 23 participantes que durante esta semana convivirán no albergue xuvenil realizando actividades tecnolóxicas, deportivas a lúdicas

Lugo, 11 de agosto de 2026

Preto de 140 mozos e mozas de distintos puntos de Galicia recalan en Lugo nos seis campamentos que organiza a Xunta ao longo de xullo e agosto no albergue xuvenil LUG II. O delegado territorial, Alfonso Villares, deu hoxe a benvida aos 23 novos participantes que durante unha semana convivirán nas instalacións realizando actividades tecnolóxicas, deportivas e lúdicas.

Esta quinta quenda está destinada a nenos e nenas de entre 12 e 14 anos, que aprenderán sobre a creación e edición de vídeo, deseño 3D, impresión 3D, estampación manual e mecánica, gravación e edición de podcast, creacións no metaverso, realidade virtual, web-app ou smartphones. O obxectivo é fomentar a creatividade dixital e, en especial, incitalos a un aproveitamento lóxico e racional da tecnoloxía.

A iniciativa desenvolverase ata o martes 18 de agosto e inclúe tamén xogos, deportes, visitas pola cidade ou actividades no río.

A programación de campamentos no LUG II abriuse en xullo con dúas propostas de temática musical, ás que sucederon tres dedicadas á tecnoloxía. Pechará a programación outro sobre emprendemento, que se celebrará do 21 ao 28 de agosto e está orientado a menores de entre 15 e 17 anos.

A campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma no conxunto da provincia 2.593 prazas en campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado para nenos e mozos entre os 9 e os 30 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026