O conselleiro de Cultura e a conselleira de Medio Rural visitaron os participantes na iniciativa no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude

López Campos pon en valor o vínculo da gastronomía e a xuventude para divulgar a imaxe de Galicia Calidade

A campaña ‘Modo verán Activo’ inclúe como novidade nesta edición a experiencia ‘Galicia Calidade do verán’, un campamento de temática culinaria destinado a rapazada de entre 9 e 13 anos de idade

A proposta conta coa implicación dos cociñeiros Pablo Vila e Manuel Garea, así como de Lucía Freitas e Daniel López, do Grupo Nove

As actividades de cociña compleméntase con propostas lúdico-deportivas como xogos colectivos, obradoiros de manualidades ou iniciativas para coñecer a flora da contorna

En total, a campaña de verano de Xuventude conta con 11.932 prazas, a maior cifra da súa historia converténdose xa nun referente en todo o Estado

Boqueixón (A Coruña), 11 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo hoxe en valor a importancia de fomentar o vínculo entre a gastronomía, a cultura e a xuventude para potenciar a imaxe de Galicia Calidade. Fíxoo xunto á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, onde se está levando a cabo a segunda quenda do campamento de temática culinaria Experiencia Galicia Calidade do Verán destinado a rapazada de entre 9 e 13 anos de idade.

Tal e como explicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, esta proposta é unha “das principais novidades nesta edición da campaña de verán que volve ser este ano un referente en todo o Estado ao ofrecer 11.932 prazas en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, propostas de lecer alternativo para maiores de 18 anos e uso de instalacións xuvenís”. “Trátase dun dos principais programas do Goberno galego para a mocidade e constitúe un importante recurso de conciliación e lecer saudable”, apuntou López Campos.

Neste senso, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; agradeceu o traballo e compromiso dos profesionais Pablo Vila e Manuel Garea que se implicaron nesta proposta e dos cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas e Daniel López. “En Galicia temos a sorte de contar con grandes cociñeiros que afianzan a imaxe de Galicia Calidade a través da nosa gastronomía e que estes días compartiron a súa experiencia e saberes cos mozos que participaron neste campamento”, apuntou antes de precisar que Experiencia Galicia Calidade do Verán vincula o lecer educativo coa cociña, o produto local, o medio rural e coñecemento da contorna.

Ademais das actividades de cociña centradas na iniciación das tarefas, nas técnicas culinarias, na cociña creativa, na repostería, na gastronomía de diferentes partes do mundo e no produto de quilómetro 0 mediante a utilización de ingredientes locais, frescos e de tempada cultivados ou elaborados en zonas próximas, as actividades do campamento compleméntase con propostas lúdico-educativas como xogos colectivos, obradoiros de manualidades, saídas pola contorna e no coñecemento da flora.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, pola súa banda sinalou que “é todo un acerto” fomentar a conexión e o contacto directo dos nenos e nenas coa gastronomía e cos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada. Asegurou así que a rapazada que participa nesta iniciativa pode coñecer non só estas elaboracións, senón que tamén poden ver nelas unha saída profesional á que dedicarse nun futuro. 

Neste sentido, Medio Rural organizou talleres gastronómicos centrados de xeito específico naquelas producións agraolimentarias amparadas baixo denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas. Concretamente, sobre queixos con DOP, Mel de Galicia con IXP, xeados artesáns e Ternera Gallega.

María José Gómez lembrou así que Galicia é un referente na produción de calidade diferenciada, conformada por un total de 36 DO e IXP, convertendo o noso territorio nunha das comunidades autónomas con máis distintivos deste tipo; aos que cómpre engadir a produción ecolóxica e o selo de Artesanía Alimentaria.

 8.050 prazas na modalidade de campamentos

A actividade visitada hoxe polos conselleiros correspóndese coa segunda quenda de Galicia Calidade do Verán no que participan un total de 52 mozos e mozas ao longo do mes de agosto ao abeiro da modalidade de campamentos, a máis numerosa da campaña de verán con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións das 4 provincias.

Isto compleméntase cos intercambios con outras comunidades, os minicampamentos Coñece Galicia, co paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos e cos campos de voluntariado, que se levan a cabo en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026