A Xunta pon en valor a aposta pola dixitalización do comercio local de Carballo, recoñecida nos Premios Galegos de Comercio
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo un percorrido pola praza de abastos e por diferentes establecementos do comercio local da localidade, destacando o papel do sector como motor económico e de dinamización da vila
Ademais, participou na presentación de LoPróximo, unha plataforma dixital implantada polo Centro Comercial Aberto de Carballo galardoada recentemente nos Premios do Comercio Galego 2024
Carballo (A Coruña), 8 de xaneiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, puxo en valor o papel vertebrador que xoga o comercio local como motor económico e de revitalización das vilas e comarcas. Así o sinalou na visita que realizou hoxe ao concello coruñés de Carballo, onde tivo a ocasión de facer un percorrido pola súa praza de abastos e por diferentes establecementos adheridos ao Centro Comercial Aberto da localidade.
Ademais, o director xeral participou no sorteo público do premio da Globoteca, unha iniciativa desenvolvida por esta entidade no marco das actividades da campaña de Nadal, e que outorgou un galardón único de 7.600 euros para mercar nos establecementos participantes ao longo de 2025. Neste senso, Alén fixo fincapé no importante labor que xogan as asociacións de comerciantes para dinamizar e incentivar o consumo nas diferentes campañas, impulsando así as compras de proximidade como un sinónimo de calidade, atención personalizada e consumo responsable. Así mesmo, lembrou que a Xunta está rematando de perfilar o Plan estratéxico de comercio 2025-2030, unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal para seguir impulsando este sector clave.
LoPróximo, Premio Comercio Dinamización 2024
Durante a xornada de hoxe, o director xeral de Comercio e Consumo tamén tomou parte na presentación de LoPróximo, unha plataforma dixital implantada polo Centro Comercial Aberto de Carballo recoñecida recentemente co Premio Comercio Dinamización, no marco dos galardóns do Comercio Galego 2024.
Gabriel Alén sinalou a importancia de seguir afondando na dixitalización e nas novas ferramentas dixitais para avanzar na modernización, incrementar as vendas e achegarse a un novo perfil de clientes, transformando deste xeito o modo no que as persoas se relacionan co comercio local. Así, LoPróximo busca ser un punto único, áxil e sinxelo con toda a oferta de produtos e servizos que ofrece o comercio da vila para obter asesoramento personalizado ou propostas exclusivas dos establecementos adheridos.