A conselleira de Política Social e Igualdade e o alcalde visitaron as instalacións do futuro centro

Fabiola García subliña que Fornelos de Montes contará cun fogar residencial para maiores grazas a un investimento da Xunta de máis dun millón de euros

O Executivo galego financia a totalidade das obras para converter as antigas escolas unitarias neste recurso municipal de atención de doce prazas

Este proxecto está financiado a través do Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros do que se benefician unha vintena de iniciativas en Galicia

Fornelos de Montes (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as instalacións onde se situará o futuro fogar residencial de Fornelos de Montes, de titularidade municipal. O proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e conta cunha partida orzamentaria de máis dun millón de euros.

A conselleira sinalou que este proxecto é unha mostra máis do modelo de coidados centrado na proximidade que impulsa a Xunta. Así, destacou que “o futuro fogar residencial contará con doce prazas de atención a maiores” e recalcou que “o 25% delas estarán reservada para grandes dependentes”.

Así mesmo, fixo fincapé en que o Executivo galego financiará con fondos europeos o 100% das obras que permitirán reformar as antigas vivendas dos mestres da escola local, para convertelas neste centro residencial. O orzamento forma parte do Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros co que a Xunta financia máis dunha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de centros de día ou residenciais.

Fabiola García lembrou que o Plan de Investimentos acordado hai máis de dous anos coa Fegamp para seguir ampliando a rede pública autonómica de coidados. Así, sinalou que se trata dun exemplo de colaboración entre administracións que permite crear 500 novas prazas públicas de residencias e 150 de atención diúrna.

Nesta liña, a conselleira fixo fincapé en que o Plan de Investimentos segue reforzando paso a paso, a rede pública de coidados da Xunta e destacou que desde o ano 2009 se triplicou a oferta de prazas sostidas con fondos públicos en residencias de maiores, pasando de 5.000 ata as máis de 16.000 que hai nestes momentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2025