Alfonso Villares destaca a contribución das empresas tranformadoras á imaxe calidade e sostibilidade dos produtos pesqueiros galegos

O responsable autonómico visitou as instalacións de Conservas Sotevento na que se traballa con produtos como o polbo, o mexillón, navallas ou algas que son comercializados por toda España

A empresa foi beneficiaria dunha axuda autonómica para poñer en marcha unha nova liña de transformación e comercialización que permitiría diversificar a súa produción e internacionalizar a comercialización orientando a venda cara a EE.UU

Outes (A Coruña), 9 de xaneiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou ás instalacións de Conservas Sotavento no concello coruñés de Outes onde puxo en valor o bo facer, experiencia e profesionalidade do conxunto da cadea mar-industria galega e a contribución das empresas transformadoras á imaxe de calidade e sostibilidade dos produtos pesqueiros galegos. 

O responsable autonómico, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén Do Campo, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde,   puido coñecer da man dos responsables da empresa o proceso manual e tradicional co que elaboran as súas conservas con produto de proximidade como o polbo, o mexillón, as navallas ou as algas que son comercializadas por toda España.

O titular de Mar resaltou a importancia de poñer en valor o produto procedente das rías galegas, que é sinónimo de excelencia, e o papel que xogan nesa tarefa o impulso de marcas de calidade como Pulpo de lonja, comercializada a través de Lonxa na Rede e impulsada polo Grupo de Acción Local do sector pesqueiro 4, con produto procedente das confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros, O Pindo e Porto do Son.

Nesta liña, Conservas Sotavento puxo en marcha co apoio da Consellería do Mar, unha nova liña de transformación e comercialización da sardiña procedente da frota pesqueira galega coa finalidade de elaborar conservas e semiconservas, introducindo novas tecnoloxías que aporten valor engadido.

O obxectivo é ofrecer un formato adaptado ás demandas dos consumidores, apostando por un produto de calidade, de proximidade e altamente nutritivo así como sostible e, a vez, desestacionalizar o consumo desta especie. Nunha primeira fase foron fabricadas 1.500 latas co obxectivo de elevar a produción ata as 50 mil-100 mil unidades, coa súa introdución no mercado estadounidense no horizonte. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2025