O secretario xeral para o Deporte asistiu está mañá á proba celebrada en Poio coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e o Concello

Medio milleiro de rapaces compiten na final autonómica de cros enmarcada no programa Xogade da Xunta

O Goberno galego destina preto de 4 millóns de euros a esta iniciativa dirixida a fomentar o deporte base e na que participan 39 federacións deportivas e unha trintena de agrupacións escolares deportivas

A última tempada rematou coa participación de case 148.000 rapaces e rapazas entre 6 e 16 anos, o 60% do total de escolares en Galicia nesta franxa de idade

Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para estas actividades, unha medida da que Galicia foi pioneira e supón unha prima anual de máis de 3,1M€

Poio (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou esta mañá os case 500 nenos e nenas participantes na final autonómica de cros enmarcada no programa Xogade da Xunta. Desenvolvéronse probas nas categorías alevín, infantil e cadete, tanto masculinas como femininas, con rapaces procedentes de 82 entidades de toda Galicia, entre clubs, centros educativos e escolas deportivas municipais.  

A proba, organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Concello de Poio, forma parte da décimo sexta edición do programa Xogade que comezou a súa andaina o pasado setembro con 39 federacións deportivas, como a de Atletismo, e 16 modalidades, así como a participación dunha trintena de agrupacións deportivas escolares.

Segundo sinalou o representante autonómico, o programa Xogade, (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar), posto en marcha no curso 2009-2010, enmárcase na aposta da Xunta por impulsar o deporte base ao tempo que se fomenta a práctica deportiva desde idades temperás como base dunha vida activa e saudable. Nesta liña, o Goberno galego reforza o programa cun investimento nesta tempada de case catro millóns de euros, un máis que na anterior.

Nesta contía inclúense os máis de 3,1 millóns de euros da prima anual da póliza do seguro de accidentes deportivos gratuíto para os menores de entre 6 a 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira. En total, a póliza ten un valor de 6,2 millóns de euros ata 2026, isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026. Do financiamento do programa Xogade tamén forman parte os gastos do transporte para facilitar a asistencia ás probas de toda a rapazada deportista e a participación nas actividades.

O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica, tanto escolar como federada, promovida pola Xunta co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade.

O secretario xeral para o Deporte confía en que a actual tempada 2024-2025 manteña e mesmo supere as cifras da última convocatoria. Así, segundo os datos correspondentes á tempada 2023-2024, contabilizáronse case 148.000 escolares de 6 a 16 anos que supoñen o 60% dos máis de 249.300 que hai en Galicia. En total, estes 148.000 escolares sumaron 184.500 participacións, das que máis de 110.219 participacións -case o 60%- representan a actividade deportiva federada e as 74.290 restantes en actividade deportiva escolar.

Data de actualización: 11/01/2025