A Xunta licita por 3,5 M€ a actualización tecnolóxica, soporte e subministro de software para o sistema sanitario público

Trátase dun servizo necesario debido á continua evolución dos sistemas de información do Sergas, que implican proxectos de historia clínica intelixente, big data, empoderamento do paciente, teleconsulta ou diagnostico de imaxe médica

O contrato divídese en catro lotes en función do tipo de software: de backup e monitorización; de xestión de base de datos; de observabilidade de rendemento e experiencia do usuario; e de servidor de aplicacións

As empresas interesadas en participar neste procedemento poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 27 de xaneiro

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2025

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a contratación da actualización tecnolóxica, soporte e subministro de licenzas software para o sistema sanitario público de Galicia, por un importe de 3.584.201 euros para o período 2025-2028.

As empresas interesadas en participar neste procedemento poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 27 de xaneiro.

O contrato divídese en catro lotes correspondéndose cada un cun tipo de software: de backup e monitorización; de xestión de base de datos; de observabilidade de rendemento e experiencia do usuario; e de servidor de aplicacións.

Calidade asistencial aos pacientes

O Servizo Galego de Saúde dispón dunha arquitectura de desenvolvemento de aplicacións críticas baseada nunha plataforma de alto rendemento e robusta, que conta cunha infraestrutura software que lle dá soporte.

Dentro destes contornas software atópanse os xestores de base de datos que almacenan a información da historia clínica, os servidores de aplicacións que presentan e executan os sistemas de información e as ferramentas de monitorización.

Esta contratación é necesaria pola evolución dos sistemas de información do departamento sanitario galego para adaptarse ás necesidades do Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital, que implican proxectos de historia clínica intelixente, big data, empoderamento do paciente, teleconsulta, ou diagnostico de imaxe médica.

Nese marco, faise preciso incrementar as licenzas de xestión e a actualización de versións e corrección de erros no software para asegurar os máximos niveis de funcionamento.

Data de actualización: 11/01/2025