A Xunta convoca este venres unha orde única de máis de 40 M€ que poderá beneficiar a 8.700 autónomos
Rueda salienta que o Goberno galego convocará por primeira vez de xeito conxunto estas achegas para “reducir papelame” e axilizar as resolucións
As cinco liñas englobadas na orde estimulan desde o inicio de actividade -con apoios que inclúen a cota cero- á súa consolidación e mantemento -co Bono Autónomo e Bono Remuda-, ademais de axudas para conciliar e o Bono Nova Oportunidade
Entre as novidades, e dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles no territorio, o Bono Remuda “engadirá axudas para os autónomos que deciden deixar o negocio”, ademais das incluídas para o que asume o relevo
O Consello tamén analizou outras achegas que complementan a esta orde e que son as axudas á contratación indefinida por parte do colectivo e ás asociacións
Galicia pechou 2024 con máis de 212.000 autónomos e representa preto do 20 % do total de afiliacións, case 4 puntos por enriba da media nacional
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou “publicar este venres unha única orde que unificará todas as axudas para os autónomos”. O obxectivo é dar resposta a “un dos compromisos adquiridos” para “reducir o papelame” para solicitar calquera tipo de achega.
A esta convocatoria de axudas, que se prevé publicar no Diario Oficial de Galicia o 17 de xaneiro, o Goberno galego destina máis de 40,7 millóns de euros e estímase que dela poidan beneficiarse, a través dos cinco programas incluídos nesta orde, “case 9.000 persoas” que inicien a actividade ou que xa estean a desenvolvela.
Deste xeito, os programas de achegas que incluirá esta convocatoria única van desde o inicio da actividade –como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero— aos de consolidación e mantemento da actividade –Bono Autónomo e Bono Remuda—. Tamén incorpora os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade.
Trátase da primeira vez que o Executivo galego publica nunha orde conxunta todas as axudas específicas para as persoas traballadoras autónomas dentro dunha folla de ruta que se complementa con outros apoios como os destinados á contratación indefinida por parte do colectivo e ás asociacións de autónomos, tamén analizados hoxe no Consello.
Entre as novidades da orde conxunta e, dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio, o Bono Remuda engadirá –ás xa incluídas para quen asume o relevo– “axudas para quen decide deixar o negocio”, segundo explicou o presidente. A achega será de 6.000 € para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes ou de 3.000 € para os ubicados en municipios de máis de 10.000 habitantes.
No caso do Bono Autónomo, que está destinado á mellora da competitividade dos negocios, ampliarase o período dos gastos subvencionables abarcando o último trimestre do ano anterior ao de solicitude da axuda. Ata o de agora o período de gastos subvencionables ía do 1 de xaneiro ao 30 de setembro do mesmo ano.
Importes por programa
Dos máis de 40 millóns de euros desta convocatoria- cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027-, “case 29 millóns destinaranse ao programa de promoción do emprego autónomo”, indicou Rueda, que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade. Para o Bono Nova Oportunidade consignaranse 1,5 millóns de euros e os apoios do Bono Autónomo contarán con 8 millóns. No caso do Bono Remuda, o orzamento será de máis de 1,2 millóns e inclúe, ademais dos novidosos apoios aos autónomos que transmiten o negocio por xubilación, axudas para quen asume o relevo con dúas liñas, que son o Bono remuda rural, para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes, e o Bono remuda xeral, para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis.
O quinto programa que incluirá a orde é o de conciliación, que conta cun orzamento dun millóns de euros e con tres liñas para apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia e dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes. A terceira liña prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo.
Os requisitos de cada un dos cinco programas que abarcará a orde conxunta e os períodos subvencionables poderán consultarse na orde que se publicará este venres. O prazo para presentar solicitudes estará aberto desde o 24 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2025.
Axudas para a contratación indefinida e ás asociacións de autónomos
Esta medida enmárcase na aposta da Xunta para impulsar o traballo por conta propia, que pechou 2024 con máis de 212.000 autónomos, o que supón preto do 20 % con respecto ao total das afiliacións, case 4 puntos por riba da media nacional. Esta aposta referéndase coa Axenda de impulso ao emprego autónomo, dotada de 360 M€ ata o ano 2027.
En canto aos outros apoios mencionados anteriormente que complementan á orde única e que tamén se analizaron hoxe, ás axudas para favorecer a contratación indefinida e a formación de persoas desempregadas por parte dos propios autónomos destinaranse máis de 1,3 millón de euros coa previsión de contratar preto de 140 persoas desempregadas. Esta orde tamén se publicará este venres no DOG e é para apoiar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador. Inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si, que son o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación das persoas traballadoras indefinidas empregadas.
No caso da orde para o funcionamento das asociacións de autónomos e a contratación de persoal de apoio, o importe destinado é de 350.000 euros e prevé publicarse no DOG en próximas semanas. O obxectivo é apoiar o movemento asociativo do colectivo na defensa dos seus intereses. A isto súmase a batería de achegas destinadas ao emprendemento -dotada con 32 millóns de euros este ano-, e na que os traballadores por conta propia teñen un protagonismo absolutamente primordial.