O CEIP Vilaverde-Mourente conta cunha nova cuberta grazas ao investimento da Xunta de 48.000 euros
A nova cuberta de placas metálicas tipo sandwich substitúe a antiga de fibrocemento e mellora o illamento da zona de infantil
Dende o ano 2010, a Xunta realizou obras por valor de preto de 570.000 euros no CEIP Vilaverde-Mourente
A Xunta destinou 78M€ a melloras nos centros educativos da provincia de Pontevedra nos ultimos catro anos ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica
Pontevedra, 24 de abril de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CEIP Vilaverde-Mourente, onde se levou a cabo unha obra de substitución da cuberta da zona destinada a Infantil.
En concreto, os traballos, que contaron cun orzamento da Xunta de máis de 48.000 euros, consistiron na retirada da antiga cuberta de fibrocemento e na instalación dunha nova con planchas metálicas tipo sandwich que mellorarán o illamento e a comodidade do alumnado e do corpo docente do centro.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta pola “mellora constante das instalacións educativas, para poder ofrecer uns servizos de calidade e nas mellores condicións posibles a todos os alumnos e alumnas”.
Investimentos
Este novo investimento é parte dos preto de 570.000 euros que a Xunta investiu neste centro dende o ano 2010. En total foron 7 os grandes proxectos que se levaron a cabo neste edificio, entre os cales destaca a rehabilitación integral levada a cabo no 2017 que contou con máis de 380.000 euros de orzamento.
A obra enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través da que o Goberno galego está a renovar as instalacións educativas, e que na súa segunda fase eleva a preto de 500M€ o investimento en obras de mellora en centros educativos no período 2021/28. Nos últimos catro anos o investimento nos colexios e institutos da provincia de Pontevedra ao abeiro deste plan ascendeu a 78M€.